Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CURSO DE VERÁN

A UDC trae a Carballo o debate sobre lingua, memoria e normalización

A toponimia, os medios de comunicación, o ensino e a xestión municipal son os eixos da formación

Daniel Pérez, esquerda, Ángeles Pacoret, Valentín García e Cristina López no acto inaugural.

Daniel Pérez, esquerda, Ángeles Pacoret, Valentín García e Cristina López no acto inaugural. / C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Carballo volve ser a sede de referencia para o deseño e a análise das políticas de futuro do idioma coa celebración dun novo curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) sobre dinamización lingüística, que este ano leva por título Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización.

O acto de apertura contou coas intervencións de Cristina López Villar, vicerreitora responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Daniel Pérez López, alcalde de Carballo.

Tras a benvida institucional, o doutor en Filoloxía Románica e catedrático Francisco Rodríguez Sánchez impartiu a conferencia O conflito lingüístico na Galiza de hoxe.

Compromiso coa identidade

O alcalde amosou o orgullo do municipio por acoller o encontro. «Que este curso de verán vaia xa pola súa décimo novena edición demostra dúas cousas: a solvencia do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e o compromiso deste Concello coa nosa identidade. Carballo non é só o escenario onde se fala de dinamización; Carballo é un axente activo que respira, traballa e fala en galego todos os días do ano».

Ao fío do lema deste ano, Daniel Pérez sinalou que «cando falamos de memoria democrática, ás veces esquecemos que a maior perda de dereitos que sufriu o noso pobo veu acompañada do intento de silenciar a nosa palabra».

Reivindicou tamén o papel das administracións locais, e destacou que «desde o ámbito local sabemos que a lingua se defende no día a día: no comercio, nas escolas, na toponimia que nos define e na música que escoitan os nosos mozos. Ese é o noso obxectivo diario».

Relatorios, mesas redondas e obradoiros

Durante dous días, o Fórum Carballo acollerá relatorios, comunicacións académicas, mesas redondas e dinámicas de obradoiro arredor de eixos como a toponimia, os medios de comunicación, o ensino e a xestión municipal.

O Concello de Carballo ten un papel moi activo nestas mesas. A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret Rodríguez, e a concelleira de Educación, María Mar Eirís Villar, moderarán paneis clave sobre a pegada histórica do galego e o papel da música na dinamización. Así mesmo, o historiador local Hadrián García Pérez guiará os participantes nunha ruta polo mapa literario de Carballo.

Tracking Pixel Contents