PERMISO DE INVESTIGACIÓN JORGE REYES
Os alcaldes de Cabana, Laxe e Zas trasladan á Xunta o rexeitamento ao proxecto mineiro
O director xeral de Minas sinalou que farán un seguimento rigoroso se a empresa pide avanzar no expediente

Francisco Charlín, esquerda, Manuel Muíño e José Muíño. / Cedida
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, José Muíño; de Laxe, Francisco Charlín; e de Zas, Manuel Muíño, mantiveron unha reunión co director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, para abordar a situación do permiso de investigación mineira Jorge Reyes.
A reunión foi solicitada conxuntamente polos tres concellos, co obxectivo de trasladar directamente á Xunta de Galicia a posición institucional común de rexeitamento ao proxecto e expresar a preocupación existente nos tres municipios.
Seguimento rigoroso do expediente
O director xeral explicoulles que a autorización concedida corresponde unicamente a un permiso de investigación e que non implica, en ningún caso, unha autorización para a explotación mineira. Así mesmo, comprometeuse a que, no caso de que a empresa promotora solicitase no futuro a transformación deste permiso nun de explotación, a Administración autonómica realizaría un seguimento especialmente rigoroso do expediente e actuaría coa máxima vixilancia na súa tramitación.
Os tres alcaldes reiteraron a súa firme oposición ao proxecto mineiro, unha posición que xa se plasmou coa presentación, o pasado 30 de xuño, dun recurso de reposición conxunto contra a autorización do permiso de investigación. Trátase dunha actuación institucional coordinada, sustentada en argumentos técnicos, urbanísticos, ambientais e patrimoniais, que defende unha visión conxunta do territorio afectado e a protección dos intereses da veciñanza.
Os rexedores quixeron tamén poñer en valor a resposta social rexistrada nos tres concellos e agradecer o compromiso demostrado pola veciñanza na defensa do territorio, do medio natural e do patrimonio cultural e paisaxístico.
Consentimento dos propietarios
Neste sentido, lembran que a realización das catas ou dos traballos de investigación previstos ao abeiro deste permiso require necesariamente o consentimento das persoas propietarias das parcelas afectadas. Sen esa autorización expresa, a empresa non pode acceder ás fincas para executar os traballos de investigación.
Os tres concellos reiteran que continuarán actuando de maneira coordinada durante toda a tramitación administrativa, defendendo os intereses dos seus municipios e mantendo unha comunicación permanente coa cidadanía para trasladarlle toda a información que vaia xurdindo sobre este expediente.
- El pueblo medieval de Galicia que se convierte en la capital del arte: 25 espectáculos desde el viernes para reír, emocionarse y vibrar
- Una conductora se precipita con su coche desde el periférico al polígono de Costa Vella mientras escapa de la Guardia Civil en Santiago
- Cierra una de las cafeterías más queridas de Bertamiráns: 'Nunca pensamos que chegaría este día
- Muere Alfonso Tourís Nogueira, el enfermero y sindicalista que dirigió más de dos años el PSOE de Santiago
- De una punta a otra de España en tiempo récord: tres radares de Tráfico cazan al mismo conductor en Galicia, Zamora y Jaén más de 200 kilómetros por hora
- Susto por un incendio en el límite de Brión, Ames y Teo que se acercó a una aldea: 'Estuvo a unos 300 metros de las casas
- Air Nostrum recupera este verano una de las conexiones más singulares para Santiago
- Alquilar junto al mar en Galicia: de los 622 euros de Narón a los 1.352 de Sanxenxo