CULTURA
Cee revive o legado de Fernando Blanco cunha viaxe no tempo desde o século XVIII
Haberá visitas gratuítas ao museo e o histórico instituto fundado grazas ao legado do mecenas ceense

Unha das salas de exposición do Museo Fernando Blanco de Cee. / M. F. B.
A Fundación Fernando Blanco de Cee impulsa un novo programa estival de visitas guiadas, que son unha verdadeira viaxe no tempo.
Baixo o lema Fernando Blanco de Lema. O home que foi quen de ollar máis aló, as visitas teñen como punto de partida o ano 1796 (ano de nacemento do fundador) e chegan á actualidade, "xa que o seu legado afortunadamente segue a estar moi vivo e moi presente no día a día da nosa localidade", afirma Darío Areas, secretario da Fundación.
O obxectivo é que todo aquel que participe nas visitas coñeza, de primeira man, "o afortunada que foi a vila de Cee por contar cun dos máis importantes promotores da educación e da cultura, quen non dubidou en dedicar a fortuna que fixo en Cuba para que a súa localidade contase cun dos centros educativos de referencia na Galicia de finais do século XIX", subliña Areas.

Cartel promocional das visitas guiadas da Fundación Fernando Blanco. / Cedida
As visitas realizaranse os venres 24 e 31 de xullo, así como os venres 7, 21 e 28 de agosto, con inicio no Museo Fernando Blanco ás 10.30 horas e cunha duración aproximada de dúas horas.
Ademais de visitar o Museo Fernando Blanco, para coñecer a biografía do mecenas e boa parte do seu legado a través das pezas expostas e mercadas como dotación de material didáctico e artístico para o centenario centro educativo, os participantes achegaranse ao instituto que leva o nome do fundador e que en outubro cumprirá 140 anos. Percorrerán o seu xardín botánico e unha serie de dependencias do centro, nas que aínda se respira certo aire decimonónico.
Espazos de interese do instituto
Así, coñecerán a capela dedicada a San Fernando, onde repousan os restos de Fernando Blanco de Lema, a sala de profesores, a biblioteca, os despachos de dirección e xefatura de estudos, os laboratorios e a torre do reloxo.
As visitas guiadas serán gratuítas, e será precisa a inscrición previa no museo, no teléfono 981 747 221 ou no correo fundacioncee@hotmail.com. Os grupos deben contar cun mínimo de 10 e cun máximo de 25 persoas.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames