Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INAUGURACIÓN

A Praza dos Libros reivindica en Carballo a lectura como acto de resistencia

O escritor Pedro Feijoo exerceu de pregoeiro nunha edición que homenaxea a Fernando Cabeza Quiles

Pedro Feijoo e Daniel Pérez no acto inaugural da Praza dos Libros de Carballo.

Pedro Feijoo e Daniel Pérez no acto inaugural da Praza dos Libros de Carballo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

A vixésima edición da Praza dos Libros (PLIC) de Carballo abriu este xoves para converterse durante catro días no corazón cultural da comarca de Bergantiños, e reivindicar a literatura e a lingua propia como ferramentas vivas de resistencia, empatía e pensamento crítico.

O escritor Pedro Feijoo exerceu de pregoeiro e erixiu o libro como o maior perigo para o conformismo social. "Non interesa fomentar a lectura porque saben de sobra que as persoas que len son poderosas. Porque pensan. E iso fainos perigosos", afirmou.

Un faro que prendeu hai vinte anos

"Nun país que por demasiado tempo nos quixeron convencer de que estaba feito de tebras e escuridade", engadiu, "hai barrios, vilas e aldeas nas que se prende un farol". E todas esas luces -continuou- tecen "unha rede de sinais que nos marcan o mapa dos camiños da cultura en Galicia. E no medio desa rede, brillando con especial forza, loce a vosa luz. Este faro de Carballo, que prendeu por primeira vez van agora alá vinte anos, para sinalarnos desde entón onde teñen en Galicia os libros a súa praza".

O alcalde, Daniel Pérez, tamén fixo fincapé no valor político e humano de "deter o tempo". Nun contexto marcado polo inmediato, o urxente e o coñecemento encapsulado en vídeos de vinte segundos dun reel, o rexedor carballés reivindicou a lectura. "Ler un libro constitúe un acto de resistencia e unha auténtica declaración de intencións. Resistencia á desinformación e á necidade", afirmou.

Os libros, engadiu, "son a ferramenta perfecta para poñernos nos zapatos de quen temos enfronte, para empatizar e sentir en colectivo [...] E que mellor xeito que facelo na nosa lingua, en galego, no idioma que nos fai singulares, diferentes e atractivos cando todo pretende ser uniforme e global".

Talento literario carballés

Pérez puxo ademais en valor o talento literario local que pasará pola feira, citando a autores como Xan Fraga, Alberto Varela Ferreiro, Diana Varela Puñal, Farruco Graña ou Silvia Tasende, e agradeceu á Fundación Luís Calvo Sanz e á familia Calvo polo seu apoio imprescindible neste "exercicio de resistencia e promesa dun futuro mellor que é a PLIC".

A concelleira de Bibliotecas, Arquivo e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, botou a vista atrás para lembrar aquel soño que naceu hai vinte anos, cando desexaron que os libros "saíran ao sol e respiraran a brisa do estío". Tivo tamén un recordo profundamente emotivo para o recentemente finado escritor e investigador Fernando Cabeza Quiles, cuxa viúva sumouse ao acto.

Homenaxe a Fernando Cabeza Quiles

Pacoret subliñou que "hai persoas que seguen vivindo nos lugares que amaron e nos libros que nos deixaron", e leu un fragmento da súa última obra, Defuntos e santos inocentes, escrita como un idilio de amor con Carballo que comeza sobre unha bicicleta.

Así mesmo, reivindicou a homenaxe que esta edición renderá a outra figura imprescindible das letras galegas, Begoña Caamaño, pola necesidade de entender a literatura como "un diálogo permanente entre quen escribe, quen le e quen permanece na memoria colectiva".

Contos, regueifa, circo e encontros con escritores

Do 9 ao 12 de xullo, o xardín municipal será un fervedoiro de música, contos, regueifa, circo, maxia e encontros íntimos cos autores. Unha intensa programación que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Fundación Luís Calvo, Muebles Luís e a Asociación Cultural Lumieira.

Despois do acto inaugural e do tradicional percorrido polas librarías, Pedro Feijoo asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo, no que escribiu esta mensaxe: "Amigas e amigos carballeses, aos que xa chamo veciños. Non imaxinades a alegría e o orgullo que me produce formar parte xa da vosa familia, tan chea de talento, cultura e, sobre todo, agarimo e xenerosidade. Longa vida a vós, Carballo, faro de tantas luces”.

TEMAS

Tracking Pixel Contents