MEDIO RURAL
As vacas cachenas gañan terreo en Ponteceso co apoio da Xunta
Este ano destina 390.000 euros en axudas para preservar as razas autóctonas ameazadas de Galicia

Do Campo e o alcalde durante a visita á gandeiría de Ponteceso. / MONCHO FUENTES
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo e polo veterinario de Boaga, Davide Outeiro, visitou a gandería de Marcos Antonio Ríal Costa, especializada en vacas cachenas.
Esta explotación, en plena expansión, conta con 60 vacas, das cales 41 son produtivas e outras 19 teñen menos de 6 meses. Neste senso, a delegada destacou a gran utilidade deste modelo de gandería en extensivo na limpeza das franxas secundarias.

Do Campo, terceira esquerda, cos responsables da gandeiría de Ponteceso. / MONCHO FUENTES
A explotación recibiu, o ano pasado, unha achega para apoiar o mantemento de 8 exemplares de recría dentro das achegas da Xunta que teñen por obxectivo reforzar o apoio aos gandeiros que apostan pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade do rural.
Con estas axudas búscase que os gandeiros poidan substituír os seus animais por exemplares criados na propia explotación desde o desleite, o que contribúe a mellorar a adaptación dos animais ao medio, reducir custos e garantir a continuidade das explotacións.
Nova orde
Na visita a delegada da Xunta lembrou que a Consellería do Medio Rural volve ter abertas estas axudas por segundo ano consecutivo, para a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia, cun orzamento de 390.000 euros. O prazo abriuse o pasado 7 de xullo e permanecerá aberto ata o 8 de agosto.
Da contía total, destinaranse 350.000 euros para o pagamento das axudas ás persoas titulares das explotacións de gando bovino -das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e 40.000 euros para as de Ovella Galega e Cabra Galega. Así, as axudas poderán chegar a un importe máximo por granxa de 15.000 euros, sendo a aportación tope por animal de 350 euros no caso dos bovinos e de 60 no ovino e cabrún.
Poderán beneficiarse destas achegas as persoas tanto físicas como xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas na nosa comunidade. Estas deberán estar inscritas no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia, entre outros requisitos.
Balance do ano pasado
Belén do Campo lembrou que o ano pasado beneficiáronse en Galicia 207 explotacións cunhas achegas de case 370.000 euros. Na provincia da Coruña foron 38 axudas, das cales 26 foron para ganderías de bovino e 12 para granxas ovinas e cabrúas. En total o investimento ascendeu a máis de 60.000 euros.
Na Costa da Morte, ademais da gandería de Ponteceso tamén recibiron apoios outras dúas granxas de bovino de Cee, entre as tres recibiron en total 7.000 euros.
Premios á excelencia
Aproveitando a visita, a delegada lembrou que, o pasado mércores, convocáronse, por primeira vez, os premios á excelencia gandeira para recoñecer o traballo dos criadores de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia. Mediante esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), ponse en valor a gran relevancia social, medioambiental e cultural destas razas para Galicia, así como ás granxas destes animais, que son un dos motores económicos do rural galego.
Estes galardóns teñen como finalidade distinguir a actividade dos gandeiros no proceso de cría das razas bovinas autóctonas a prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, conseguindo uns produtos cárnicos de maior calidade de forma sustentable e velando polo benestar animal.
Establécense cinco categorías, unha por cada raza ameazada -cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa-, e dentro de cada categoría os premios estrutúranse en tres bloques: á Excelencia Gandeira, ao Legado e Vigor e á Identidade e Semente da Raza.
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares