CELEBRACIÓNS
Libros, castros, naufraxios e callos: a Costa da Morte vibra coa cultura e a tradición
Carballo bateu récord de vendas na Praza dos Libros e Carnés repartiu preto de 2.000 racións de callos
Borneiro viaxou ao pasado co Castro Animado e Camelle lembrou o naufraxio do 'City of Agra'

A música amenizou a Praza dos Libros de Carballo. / Cedida
A Costa da Morte viviu unha intensa fin de semana festiva e cultural na que os libros, a historia e a gastronomía foron as grandes protagonistas.
En Carballo, a Praza dos Libros consolidouse como unha das grandes citas culturais e comerciais do calendario galego tras pechar a súa última edición cun balance moi positivo.
Segundo a enquisa realizada entre as librarías participantes, a feira acadou un novo récord de vendas, cun total de 2.261 libros vendidos e uns ingresos aproximados de 33.680 euros, superando os rexistros das edicións de 2025 e 2024.

Encontro co escritor Xan Fraga na Praza dos Libros de Carballo. / Cedida
Outro dos datos máis salientables é o incremento do peso do libro en galego. Nesta edición, o 63,6 % dos exemplares vendidos foron en galego, fronte ao 36,4 % en castelán, porcentaxes que tamén melloran as cifras rexistradas na edición anterior.
Os títulos máis vendidos
No top dos títulos máis vendidos en galego destacan Crónicas de Carballo, con 75 exemplares; Cadea de favores, con 41, e As malas ideas, Espigas queimadas e Follas de Carballo. En castelán, os libros máis demandados foron Murdoku nº 2, Escuela de Monstruos e Cadena de favores.
A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, agradeceu a implicación das librarías, editoriais, autoras e autores, así como do público asistente, e destacou que "estes resultados demostran que a PLIC é moito máis ca unha feira do libro: é un proxecto colectivo que converte Carballo nun referente da promoción da lectura en Galicia".
O récord de vendas, engadiu, "e a excelente valoración das librarías anímannos a seguir traballando para facer medrar unha cita que beneficia ao sector do libro, dinamiza o comercio local e reforza o compromiso da veciñanza coa cultura".
En Vimianzo, o foco festivo estivo na parroquia de Carnés, onde renderon homenaxe a San Cristovo e celebraron outra multitudinaria Faguía, unha cita gastronómica na que se repartiron preto de 2.000 racións de callos. Unha cita que naceu no seu día como un acto solidario da veciñanza coas persoas sen recursos que acudían ás festas do pobo. Hoxe é unha Festa de Interese Turístico de Galicia.

Asistentes á Faguía de Carnés, en Vimianzo. / Mónica Rodríguez
A historia foi protagonista en Cabana e Camelle (Camariñas). No municipio cabanés, a Cidá de Borneiro cobrou vida de novo co Castro Animado. A música, a artesanía, os xogos e múltiples espectáculos amenizaron unha xornada nun enclave único no que os asistentes, ademais de gozar de todo tipo de entretementos, viaxaron no tempo para lembrar unha época ancestral.

Participantes no Castro Animado, na Cibdá de Borneiro, en Cabana. / Cedida
Pola súa banda, en Camelle conmemoraron os 129 anos do afundimento do buque City of Agra, unha celebración promovida pola AC Naufraxios Galegos e que acadou a súa sétima edición.

Participantes nunha das recreacións do actos do 'City of Agra'. / Fernando Patricio Cortizo
Ao longo de tres días, veciños e visitantes gozaron dunha Feira Mariñeira, roteiros históricos guiados, representacións teatrais, música, monólogos e as recreacións da arribada dos náufragos, da recepción de autoridades aos mariñeiros e do embarque cando partiron da vila de Camelle.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames