Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACOLLEMENTO LINGÜÍSTICO

O galego une en Carballo a veciños chegados de cinco países

O programa municipal consolídase como ferramenta de integración para a nova veciñanza

A concelleira Ángeles Pacoret cos participantes no curso de acollemento lingüístico.

A concelleira Ángeles Pacoret cos participantes no curso de acollemento lingüístico. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Un grupo de arredor de 25 persoas vén de completar con éxito os cursos de acollemento lingüístico organizados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Carballo, unha iniciativa plenamente consolidada no municipio que facilita o achegamento á lingua e á cultura galegas a aquelas persoas que elixen o concello carballés para construír a súa nova vida.

Nesta edición, as aulas contaron cunha gran diversidade de perfís e procedencias, que reflicten a riqueza multicultural do concello. Entre o alumnado atopábanse veciños e veciñas chegados desde a República Dominicana, Venezuela, Perú, Colombia, Uruguai e tamén de comunidades como Madrid.

Ao longo das sesións, impartidas polo docente Tono Formoso, os participantes non só adquiriron as nocións lingüísticas básicas para o seu día a día, senón que tamén crearon un espazo de intercambio e convivencia idóneo para fortalecer os lazos coa comunidade de acollida.

Entrega de diplomas e Festa do Trouxen

O acto de clausura estivo presidido pola concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, que foi a encargada de entregar os diplomas acreditativos a un alumnado moi agradecido e satisfeito coa experiencia.

Tras o acto formal, a celebración continuou nas Escolas do Xardín Agra de Caldas coa tradicional Festa do Trouxen. Fiel ao espírito desta celebración, cada participante achegou algo de comer ou beber —pratos típicos dos seus países de orixe mesturados coa gastronomía galega— para compartir nun gran xantar colectivo.

Políticas de integración

A xornada completouse con música, baile e moita diversión, como peche festivo dun ciclo formativo que vai moito máis alá da aprendizaxe dun idioma.

"Os cursos de acollemento lingüístico do Concello de Carballo son xa unha cita de referencia nas políticas de integración local", subliñan dende o goberno local. Con cada nova edición, engaden, "este programa reafirma o compromiso do municipio por facer do galego unha lingua de oportunidades, integradora e acolledora para todas as persoas, sen importar a súa procedencia".

Tracking Pixel Contents