Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FESTAS DO CARME

Sefy Carril: a muller que retransmite a vida de Camariñas recibe o cariño do seu pobo

É a primeira veciña distinguida co título de Camariñana do Ano

Sefy Carril recibiu tamén a homenaxe dos nenos e nenas da Mini Danza de Arcos.

Sefy Carril recibiu tamén a homenaxe dos nenos e nenas da Mini Danza de Arcos. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Camariñas

A Praza da Insuela vestiuse de gala para acoller un dos actos máis agardados e emotivos das Festas do Carme de Camariñas: a entrega do título Camariñana do Ano a Sefy Carril Rodríguez. Esta edición pasará á historia local xa que por primeira vez desde a creación deste recoñecemento por parte da comisión o galardón recaeu nunha muller.

Sefy Carril é unha veciña moi querida e coñecida por todos pola súa inesgotable implicación na vida social, deportiva e cultural da vila, así como polo seu labor como reporteira espontánea, retransmitindo en directo a través do seu teléfono móbil cada evento e actividade que ten lugar no municipio.

A alcaldesa, á esquerda, concelleiros e membros da comisión, coa Camariñana do Ano.

A alcaldesa, á esquerda, concelleiros e membros da comisión, coa Camariñana do Ano. / Cedida

Durante o acto, que congregou a numerosos veciños e visitantes na praza, a alcaldesa, Sandra Insua, dedicoulle unhas sentidas palabras á galardoada, poñendo en valor o seu traballo na sombra e a súa disposición constante para colaborar coa comunidade.

"Hoxe é un día histórico. Por fin, e despois de tantas edicións entregando o premio, temos o inmenso orgullo de cambiar a vogal e dicir, con todas as letras: Camariñana do Ano. Xa era hora de que o galardón recaese nunha muller", reivindicou a rexedora no seu discurso.

Un alicerce fundamental

A alcaldesa definiu a Sefy como un alicerce fundamental para o pobo: "É desas persoas marabillosas que, case sen darse conta, pasou a ser absolutamente indispensable no día a día. Cando hai calquera evento e non a vemos, todos empezamos a preguntarnos: Onde estará Sefy? Pasaríalle algo? E a resposta é sempre non; se Sefy non está alí é porque está noutro sitio axudando: botando unha man no fútbol, colaborando cunha comisión ou traballando arreo onde faga falta".

Ademais, a rexedora agradeceu o seu papel como difusora do patrimonio e da cultura de Camariñas a través das redes sociais. "Coa túa naturalidade e a túa espontaneidade, estás a facer un traballo impagable: difundir o noso patrimonio e conectar os que están lonxe coa súa terra. Grazas, Sefy, por facer visible a vida sinxela do noso Camariñas", concluíu a alcaldesa, felicitando tamén á Comisión de Festas do Carme polo enorme acerto na súa designación.

Relevo xeracional na Danza de Arcos

Tras a ovación á nova Camariñana do Ano e a entrega do galardón, a xornada festiva continuou enchendo de cor e tradición o centro da vila. Dende a mesma Praza do Concello, deuse saída á espectacular Mini Danza de Arcos. Os máis pequenos e pequenas do municipio foron os encargados de tomar a testemuña, demostrando que o relevo xeracional das tradicións mariñeiras da vila está máis que garantido.

Tracking Pixel Contents