PLAN DE CONSERVACIÓN
Seis novas píllaras das dunas voan libres na praia de Traba de Laxe
A Xunta e a USC teñen monitorizados 100 niños en 23 praias galegas, dos que o 85% xa están protexidos

O alcalde, no centro, e a delegada da Xunta liberando seis píllaras en Traba. / X. G.
A praia de Traba (Laxe) acolle dende hoxe seis novas píllaras, que foron soltadas pola delegada da Xunta, Belén do Campo; o alcalde, Francisco Charlín; o profesor titular, Jesús Domínguez, e María Vidal, técnica superior de investigación do Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago; e axentes medioambientais da zona.
Unha solta coa que se busca contribuír aos avances acadados por Galicia na protección e recuperación desta ave característica dos areais do litoral galego. Así, Do Campo destacou os bos resultados que está a dar a recuperación da píllara das dunas nesta zona, un núcleo de recente colonización da especie desde 2024, pero no que as parellas reprodutoras están a acadar importantes éxitos de cría.

O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, liberando unha píllara na praia de Traba. / X. G.
Así mesmo, puxo en valor que nestes momentos xa existen varias familias de píllaras medrando nos areais da provincia da Coruña, polo que considerou fundamental a colaboración e a concienciación das persoas usuarias das praias para compatibilizar o desfrute destes espazos coa preservación da biodiversidade. Neste senso o pasado mes de xuño fíxose tamén outra solta de cinco exemplares na praia de Carnota.
Na segunda metade do período reprodutivo, neste momento están monitorizados 100 niños distribuidos en 23 praias e o 85% deles foron xa protexidos con perímetros ou xaulóns para evitar a súa depredación ou destrucción.

A delegada, no centro, co alcalde, técnicos da USC e axentes medioambientais en Traba. / X. G.
Así mesmo, nesta campaña foi necesario trasladar 11 niños ameazados polas mareas vivas aos centros especializados de Oleiros e Cotobade para garantir a viabilidade dos ovos e aumentar as posibilidades de éxito reprodutivo.
Ademais, a delegada autonómica asegurou que varios exemplares procedentes deste programa foron localizados durante o período invernal en diferentes localidades de Portugal, Francia, Alemaña e Países Baixos, "o que evidencia a súa capacidade de adaptación e desprazamento. Mesmo dous exemplares liberados en 2021 e 2023 estableceron finalmente os seus territorios de reprodución en praias de Francia e Países Baixos, o que supón un novo éxito desta iniciativa de conservación impulsada pola Xunta de Galicia".
Plan Conservación Píllara
Durante a actividade, Belén do Campo puxo en valor os resultados obtidos grazas ao Plan de Conservación da Píllara das Dunas, impulsado pola Xunta desde o ano 2014. Segundo o último censo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela en 2026, na actualidade contabilízanse 93 parellas reprodutoras ao longo da costa galega en 23 praias .
Destacou que "esta mellora é consecuencia do labor continuado que desenvolven os técnicos e axentes ambientais da Consellería, en colaboración coa USC, a través da vixilancia das zonas de cría, da protección dos niños e da posta en marcha de diferentes actuacións de investigación e conservación. Grazas a este traballo coordinado, a píllara das dunas, catalogada como especie vulnerable, presenta unha tendencia positiva en Galicia".
Neste sentido, lembrou que a poboación galega desta ave é, xunto coa das Illas Baleares, a única do conxunto do Estado que mantén unha evolución crecente e sostida, segundo recollen os datos do último Libro Vermello das Aves de España.
Programa autonómico
Belén do Campo salientou tamén a importancia do programa autonómico de cría ex situ, posto en marcha en 2017, que permite incubar e criar exemplares fóra do seu hábitat natural cando as circunstancias o requiren. Esta iniciativa pioneira, considerada unha experiencia de referencia en Europa, posibilitou xa a liberación con éxito de preto de 200 aves criadas nos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros e Cotobade.
A actuación enmárcase, ademais, no proxecto europeo Iberalex, unha iniciativa orientada a reforzar a conservación da especie e a favorecer a convivencia entre os usos recreativos das praias e a protección da biodiversidade no territorio transfronteirizo entre Galicia e Portugal.
Cun investimento global de 1,9 millóns de euros, financiado nun 75% con fondos Feder, este proxecto reúne administracións, universidades e entidades conservacionistas dos dous países co obxectivo de impulsar medidas innovadoras para a preservación dos ecosistemas costeiros e das especies asociadas a eles.
Compatibilizar o desfrute dos areais coa protección da fauna
Coincidindo coa época de reprodución da píllara das dunas, que se estende entre os meses de marzo e agosto, a delegada territorial fixo un chamamento á colaboración da cidadanía para respectar as zonas de nidificación e contribuír á conservación desta especie. Neste contexto, Do Campo insistiu en que "é posible compatibilizar o desfrute dos areais coa protección da fauna e dos valores naturais que albergan".
Moitos dos exemplares que actualmente aniñan nas praias do norte de Galicia proceden precisamente do programa de cría impulsado pola Xunta. A presenza de novas familias e poliños medrando tanto na provincia da Coruña como na de Pontevedra "avala a eficacia das medidas de conservación desenvolvidas nos últimos anos e reforza a necesidade de continuar avanzando na sensibilización social e na protección activa dos hábitats costeiros", concluíu a delegada da Xunta.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames
- Vandalizan en Santiago el mural que Miguel Peralta pintó en una escuela infantil