MEDIO AMBIENTE
SOS en Baldaio: veciños de Carballo alertan de que "a ría está a morrer"
Convocaron unha quedada este venres, ás 20.30 horas, para esixir a reapertura da canle da lagoa
O BNG demanda á Xunta que actúe con urxencia para restablecer o fluxo intermareal

Óscar Insua, segundo esquerda, Miguel Vales e Alberto Sánchez en Baldaio. / BNG
Un grupo de veciños de Carballo vén de constituír a Comisión Noicela: SOS Ría de Baldaio, que convocou para o venres, día 17 ás 20.30 horas, unha acción de protesta e sensibilización para demandar a reapertura da canle da lagoa de Baldaio, que leva dende o mes de maio taponada pola acumulación de area.
Súmanse así ás demandas formuladas polo Concello carballés diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que xustifica a inacción en Baldaio baseándose nun informe do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural que "conclúe claramente que a apertura da canle non é necesaria para preservar o espazo protexido e que esta actividade pode ter, ademais, efectos negativos significativos sobre o estado de conservación dos seus hábitats".

Cartel promocional da quedada en Baldaio. / Cedida
No obstante, a veciñanza asegura que "a nosa ría está a morrer". Sinalan que o peche actual impide a entrada de auga salgada, cortando o intercambio mareal necesario. "O resultado", engaden, "é un ecosistema en grave deterioración, mortaldade de marisco e peixes e destrución da nosa fauna e flora".
Un dos veciños da zona asegura tamén que "hai moitos mosquitos, que causan problemas nos negocios e nas casas, ademais de malos cheiros".
Aseguran que "non podemos permitir que este espazo se perda" e por iso convocaron "unha quedada simbólica na ponte da ría de Baldaio para esixir solucións inmediatas para a súa reapertura e garantías de futuro".
Piden ás persoas que desexen sumarse á causa que acudan "cunha pá de xoguete, porque faremos un acto simbólico colectivo simulando que retiramos entre todos a area que bloquea a ría".
Petición do BNG á Xunta
Pola súa banda, o BNG vén de solicitar á Xunta que adopte "con urxencia" as medidas necesarias para restablecer o fluxo intermareal natural na lagoa de Baldaio co obxectivo de recuperar e conservar a súa biodiversidade e, ao tempo, a actividade marisqueira da Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena.
Os nacionalistas piden tamén que se realicen todos os traballos necesarios para buscar unha solución definitiva que evite o peche da lagoa pola acumulación de area na súa desembocadura.
O deputado Óscar Insua e o concelleiro de Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales, mantiveron unha xuntanza co presidente da agrupación de mariscadores, Alberto Sánchez, na que analizaron a problemática e comprometéronse a seguir insistindo ante o Goberno galego para buscar unha solución definitiva.
Restauración do fluxo de auga en 2025
Dende o BNG lembran que en decembro de 2025 a Xunta realizou varios traballos co fin de restaurar o fluxo de auga entre a lagoa de Baldaio e o mar, e garantir o equilibrio do seu ecosistema, dado que a acumulación de area poñía en perigo a actividade marisqueira.
A este respecto, Óscar Insua manifestou que "a Consellería ten que aclararse, non se pode abrir a canle hai sete meses, e agora dicir que é contraproducente. Teñen que tomar unha decisión xa, e nós esperamos que vaia na dirección que quere a asociación de mariscadores, que é que abran a canle e vaian traballando para dar unha solución definitiva a este problema recorrente".
Gran valor social e económico
O concelleiro Miguel Vales afirmou que "estamos ante un espazo natural de enorme valor ambiental e tamén cun importante valor social e económico para Carballo. O peche da canle está a ter consecuencias moi graves para a biodiversidade da lagoa e para o traballo das mariscadoras e mariscadores, polo que a Xunta non pode permanecer de brazos cruzados".
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Las 5 playas fluviales cerca de Santiago que se están convirtiendo en el refugio perfecto para escapar del calor
- Prisión provisional sin fianza para el detenido por el atropello mortal de Bertamiráns
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima