Unha mostra resalta a presenza de Padrón na película 'La Casa de la Troya'
Exhíbense fotos da rodaxe e recursos divulgativos dunha das primeiras superproducións do cinema mudo
O 7 de agosto proxectarase o filme ao aire libre, con música en directo composta para a ocasión

Anxo M. Lorenzo, segundo pola esquerda, e Chus Martínez, centro, na inauguración da exposición. / Cedida
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este xoves na Casa-Museo da Fundación Pública Galega Camilo José Cela a exposición Padrón, escenario de cinema, coa que o Goberno galego pon en valor o papel que xogou o concello de Padrón na rodaxe de La Casa de la Troya, “un dos primeiros grandes filmes audiovisuais galegos, que se converteu nun fito cultural imprescindible do seu tempo”, sinalou.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que este filme de Alejandro Pérez Lugín, baseado na súa célebre novela homónima rodouse en 1924 en Galicia, “e supuxo unha das primeiras superproducións do cinema mudo, converténdose nun fito da difusión internacional do cinema galego”.
Precisamente, salientou que, aínda que Santiago de Compostela foi o principal escenario da rodaxe, “a película contou tamén con localizacións no concello de Padrón”. En concreto, referiuse á presenza do conxunto histórico paisaxístico de Padrón e Iria Flavia, incluída a Fonte do Carme e a Igrexa de Santa María, “formando parte deste valioso testemuño visual da paisaxe e do patrimonio histórico de Galicia”.
Por estes motivos, Anxo M. Lorenzo explicou que, coincidindo co centenario da primeira versión cinematográfica de La casa de la Troya (1925–2025) e do falecemento de Alejandro Pérez Lugín (1870–1926), a Fundación Camilo José Cela pon en marcha esta mostra “para dar a coñecer a relevancia da película e a súa vinculación con este territorio”.
Ademais, apuntou que a nai do autor e director era prima de Rosalía de Castro, “reforzando os vínculos familiares do autor con esta vila”.
Proxección ao aire libre con música en directo
O director xeral de Cultura precisou que a exposición, que poderá visitarse ata o 28 de agosto, exhibe fotografías históricas da rodaxe, material gráfico e recursos divulgativos.
Ademais, como actividade complementaria, avanzou que, o 7 de agosto, os xardíns do Museo Camilo José Cela acollerán unha proxección especial ao aire libre de La casa de la Troya, acompañada da música en directo, composta para a ocasión, e interpretada por Caspervek xunto con convidados especiais.
“Esta proposta permitirá recuperar a experiencia do cinema mudo e reforzar os vínculos entre patrimonio, memoria e cinema”, salientou Anxo M. Lorenzo sobre este proxecto, do que puxo en valor que se trata do primeiro con Chus Martínez á fronte da dirección da Fundación Pública Camilo José Cela.
O representante da Consellería de Cultura lembrou que citas coma esta están enmarcadas dentro do programa Para gustos, cultura, que promove o Goberno galego, con 3.600 actividades en máis de 200 concellos de toda a Comunidade.
Entre os plans culturais que se ofertan atópanse propostas infantís, festivais, música, novo circo, teatro, exposicións ou danza, un amplo abano de iniciativas para todos os gustos e idades que se desenvolverán durante esta tempada estival.
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical