Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Abalde destaca a tendencia á baixa da criminalidade en Muxía, cunha taxa de 33 delitos por cada mil habitantes

A Xunta Local de Seguridade analizou os operativos para as Rutas do Mar, de agosto, e a Romaría da Virxe da Barca, de setembro

Julio Abalde, esquerda, e Javier Sar, presidindo a reunión da Xunta Local de Seguridade de Muxía.

Julio Abalde, esquerda, e Javier Sar, presidindo a reunión da Xunta Local de Seguridade de Muxía. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu este venres a Xunta Local de Seguridade do Concello de Muxía xunto co alcalde, Francisco Javier Sar, nunha reunión na que se analizaron a situación da seguridade cidadá no municipio e os dispositivos especiais previstos para as principais celebracións do verán. 

“Estas xuntas locais de seguridade son unha ferramenta esencial de coordinación entre administracións para anticiparnos ás necesidades de cada municipio e garantir que veciñanza e visitantes poidan gozar dunhas celebracións seguras", dixo Abalde.

"O traballo conxunto entre a Garda Civil, o Concello e o resto das institucións é a mellor garantía para seguir mantendo uns elevados niveis de seguridade”, subliñou o subdelegado. 

No transcurso da reunión tratouse a evolución da criminalidade no municipio. En 2025 a taxa foi de 33 delitos por cada mil habitantes, cunha notoria tendencia á baixa durante este ano, sendo unha cifra moi inferior ás medias provincial, galega e estatal.

Neste contexto, Julio Abalde lembrou que "Galicia continúa a ser a segunda comunidade autónoma máis segura de España, que segue entre os países máis seguros de Europa". 

Ademais, durante a xunta analizáronse as medidas de seguridade e a coordinación dos operativos para garantir o correcto desenvolvemento das Rutas do Mar, que se celebrarán os días 8 e 9 de agosto, e da Romaría da Virxe da Barca, prevista para os días 11, 12, 13 e 14 de setembro.

Así mesmo, puxéronse sobre a mesa as posibles medidas a tomar no caso de que o Concello organice algún evento sobre a eclipse do 12 de agosto, sobre todo no referente á mobilidade e control de tráficos. 

Plan director

A Xunta Local de Seguridade serviu tamén para presentar os resultados do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida no municipio pola Garda Civil.

Durante o curso 2025-2026, os catro centros educativos de Muxía solicitaron actividades deste programa. En total impartíronse 32 accións formativas centradas en cuestións como a ciberseguridade, o acoso escolar, o consumo de drogas e alcol, a violencia de xénero ou outras adiccións, como as apostas e os videoxogos.

Estas actividades contaron coa participación de 412 persoas, entre alumnado, profesorado e familias. 

O subdelegado destacou a importancia deste tipo de iniciativas preventivas para fomentar a convivencia nos centros educativos e sensibilizar á comunidade educativa fronte aos principais riscos que afectan á mocidade. 

Protección das vítimas de violencia de xénero

Outro dos asuntos tratados durante a reunión foi a protección das vítimas de violencia de xénero. Na provincia da Coruña existen actualmente 2.736 casos activos no sistema VioGén, do que forma parte o Concello de Muxía para o seguimento e protección das vítimas. 

Ademais, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o municipio recibiu un total de 67.375 euros desde o ano 2018 para o desenvolvemento de actuacións nesta materia, dos que 10.693 euros corresponden á anualidade de 2025. 

O subdelegado reiterou o compromiso do Goberno de España coa protección das vítimas de violencia de xénero e coa colaboración entre administracións para reforzar as medidas de prevención, atención e seguimento da violencia machista.

Tracking Pixel Contents