Alianza institucional a catro bandas para dotar Cee e Corcubión dunha moderna depuradora que custará 13,8 millóns
"Esta infraestrutura non podía esperar máis", dixo a alcaldesa ceense, Margarita Lamela
“Poremos fin a unha problemática que levamos décadas sufrindo", sinalou o rexedor corcubionés, Francisco Xabier Domínguez

Pola esquerda, Valentín González, Margarita Lamela, Ángeles Vázquez e Francisco Xabier Domínguez, este venres en Cee. / Cedida
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; e o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez, asinaron este venres o convenio para a construción da nova estación depuradora de augas residuais que dará servizo a ambos os municipios.
O acordo permitirá executar unha infraestrutura necesaria para mellorar o saneamento da ría de Corcubión e resolver as limitacións da actual depuradora, construída na década dos noventa, que chegou ao final da súa vida útil e non conta con capacidade suficiente para atender as necesidades actuais e futuras.
O investimento total previsto ascende a 13,8 millóns de euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, financiará o 60% da actuación, mentres que Augas de Galicia asumirá outro 20%. En conxunto, ambas as achegas suman 11.096.799 euros. O 20% restante (2,7 millóns) será financiado polas administracións locais.
A Deputación da Coruña achegará 1,4 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros. Desta cantidade, un millón de euros destinarase a apoiar o Concello de Cee e 400.000 euros o de Corcubión. Pola súa parte, Cee achegará 1.030.674,93 euros e Corcubión outros 343.525 euros.
"Esta foto (a da cooperación institucional) é o normal en Galicia”, dixo Ángeles Vázquez, quen agradeceu a colaboración e a disposición da Deputación e dos concellos para acometer un investimento tan importante para estes dous municipios.
"Foi a propia Deputación a que quixo apoiar os concellos, e iso é algo que eu aplaudo e quero poñer en valor”, engadiu a conselleira.
Pola súa banda, Valentín González Formoso destacou que a sinatura do convenio “é o resultado da cooperación entre administracións para facer posible unha obra imprescindible para Cee, Corcubión e o conxunto da comarca”.
“Un investimento de 14 millóns de euros é unha cantidade imposible de asumir en solitario para concellos destas dimensións. A Deputación está precisamente para axudar os municipios a afrontar obras necesarias como esta que, polo seu custo e complexidade, requiren da colaboración de todas as administracións”, afirmou.
O presidente provincial salientou que a achega de 1,4 millóns de euros da Deputación permitirá reducir de maneira importante o esforzo económico que deberán realizar os dous concellos. “Queremos que Cee e Corcubión poidan contar cunha infraestrutura fundamental sen que un investimento desta magnitude comprometa os recursos que precisan para atender outros servizos e necesidades da veciñanza”, indicou.
Formoso subliñou tamén a importancia ambiental e económica da actuación, xa que a nova EDAR permitirá contar cun sistema de saneamento moderno, con máis capacidade e adaptado ás necesidades das próximas décadas e contribuirá á recuperación dunha ría cun enorme valor natural e produtivo.
O presidente rematou a súa intervención insistindo na importancia da cooperación institucional: “Xuntos sumamos máis que por separado”, dixo.
A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, dixo que “hoxe é un dos días máis importantes para o futuro do saneamento dos nosos municipios” e agradeceu “o compromiso do presidente da Deputación, por comprender que esta infraestrutura non podía esperar máis”.
O alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez, afirmou que “por fin podemos acabar cunha problemática que levamos décadas sufrindo”. Tamén el subliñou a importancia da colaboración institucional "para acometer algo tan importante e indispensable como é o saneamento da nosa ría”.
Unha depuradora para máis de 16.400 habitantes
A nova EDAR construirase en Cee, nunha parcela situada nas proximidades da rúa Fornelos e da zona de servidume do porto de Brens, practicamente fronte á instalación actual. Esta localización permitirá manter en funcionamento a depuradora existente durante a execución das obras.
A nova infraestrutura estará deseñada para atender unha poboación superior aos 16.400 habitantes equivalentes e tratar un caudal medio de 4.591,13 metros cúbicos diarios. En situacións de maior achega poderá asumir ata 15.582,72 metros cúbicos ao día.
Os traballos inclúen a construción da nova estación depuradora, a conexión coa impulsión procedente do tanque de tormentas, a incorporación dos ramais de Brens e da parte alta de Cee mediante un novo bombeo e a execución da condución de vertido ao mar.
A nova instalación contará cunha liña completa de tratamento de augas, con arqueta de entrada, pretratamento, tamizado, desarenado, desengraxado, tratamento biolóxico con eliminación de nitróxeno, decantación secundaria, desinfección mediante raios ultravioleta e sistema de medición de caudal.
Tamén disporá dunha liña de tratamento e deshidratación de fangos, instalacións para recibir e tratar os procedentes de fosas sépticas, edificio de explotación, sala de control, taller, vestiarios, sala de soplantes e un sistema de desodorización para evitar molestias por cheiros.
A actuación forma parte das medidas destinadas a mellorar os sistemas de saneamento e depuración da ría de Corcubión e permitirá adaptar o tratamento das augas residuais aos estándares ambientais establecidos pola normativa europea e galega.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto