Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boqueixón avanza na mellora dos locais sociais de Noente e Lamas

O Concello rematou unha actuación de máis de 6.000 euros en Noente e investirá outros 25.000 na eliminación de humidades no centro social de Lamas

Rodeiro, no local social de Lamas

Rodeiro, no local social de Lamas / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boqueixón

O Concello de Boqueixón continúa co seu plan de mantemento e renovación dos locais sociais do municipio. Nos últimos días rematou as obras no centro social de Noente, onde se instalaron novos canalóns e baixantes de aluminio lacado e se acometeu o lavado e pintado integral do edificio, tanto nas dependencias interiores como no exterior.

A actuación supuxo un investimento superior aos 6.000 euros, financiado integramente con fondos municipais. O alcalde, Ovidio Rodeiro, destacou que estas intervencións buscan mellorar os espazos de encontro e uso colectivo da veciñanza.

Os traballos trasládanse agora ao local social de Lamas, que presenta manchas de humidade e problemas na envolvente da fachada. O Concello destinará máis de 25.000 euros a unha actuación que se desenvolverá nas próximas semanas.

A obra incluirá a retirada das baixantes e canalóns actuais, así como doutros elementos situados na fachada, e a instalación dun sistema de illamento térmico exterior. Este novo revestimento permitirá protexer mellor o edificio fronte á choiva e reducir a aparición de novas humidades.

Tamén se colocarán novos elementos para a evacuación das augas pluviais e se aplicará un acabado exterior adaptado ás cores recomendadas para a paisaxe de Galicia Central.

Segundo Rodeiro, o sistema elixido ofrece unha maior durabilidade que unha intervención baseada unicamente na pintura da fachada. Estas obras súmanse ás realizadas nos últimos meses noutros locais sociais do municipio, como os de Loureda, A Granxa e Pousada.

Tracking Pixel Contents