Laxe aproba un orzamento municipal de 3,3 millóns de euros para 2026 e crea o Punto de Atención á Infancia
O Concello destinará a investimentos 150.000 euros máis que o ano pasado

Un cativo na exposición Lego de Verán da biblioteca municipal de Laxe. / Cedida
A Corporación municipal de Laxe aprobou no pleno ordinario celebrado este xoves os orzamentos para o exercicio de 2026, unhas contas que supoñen un importante salto económico para o municipio e que saíron adiante cos votos favorables do equipo de Goberno e a abstención dos grupos da oposición.
O novo orzamento contempla un incremento de 464.866,45 euros nos ingresos, pasando dos 3.428.901,87 euros de 2025 aos 3.893.768,32 euros de 2026, mentres que o capítulo de gastos aumenta en 419.182,22 euros, situándose nos 3.848.084,09 euros.
Entre os datos máis destacados figura tamén o notable incremento dos investimentos, que pasan de 312.558,45 euros a 462.741,85 euros, é dicir, 150.183,40 euros máis que no exercicio anterior.
Do mesmo xeito, os recursos destinados aos servizos sociais ascenden ata os 817.549,99 euros, máis de 100.000 euros por riba do ano pasado, consolidando o compromiso do Concello coa atención ás persoas.
Os ingresos municipais increméntanse, entre outras cuestións, pola actualización anual do IBI, pola incorporación de ingresos procedentes de operacións non orzamentarias, polo aumento das achegas do Estado e polo incremento do financiamento do Plan de Obras e Servizos (POS), destinado a gasto corrente.
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade a creación do Punto de Atención á Infancia (PAI), un proxecto moi demandado polas familias de Laxe e polo que o alcalde, Francisco Charlín, leva traballando e realizando "numerosas xestións desde hai moito tempo", segundo indicou.
A creación deste novo servizo permitirá ampliar a atención á infancia no municipio e ofrecer unha ferramenta fundamental para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, converténdose nun avance histórico para Laxe.
O alcalde destacou a importancia dos acordos alcanzados no pleno e agradeceu o respaldo recibido nesta iniciativa.
"Son uns orzamentos pensados para seguir mellorando Laxe, reforzar os servizos públicos e continuar investindo no futuro do noso municipio. Pero, ademais, a aprobación unánime do PAI é unha excelente noticia para moitas familias. Levamos moito tempo traballando para facelo realidade e hoxe damos un paso decisivo para que este servizo sexa unha realidade canto antes", explicou o rexedor.
"Con estas contas, o Concello de Laxe afronta o exercicio de 2026 cun orzamento máis sólido, con maior capacidade inversora e cunha clara aposta polos servizos públicos, a atención social e os proxectos que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza", dixo Charlín.
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- Varios detenidos en una operación contra el narcotráfico en Muxía
- Laureano Oubiña estalla tras el veto de la Xunta a su ruta del narcotráfico: 'Quieren que vuelva a las andadas