DISTINCIÓN
Camariñas abraza a Luz Casal: A voz que levou o seu nome polo mundo será Filla Adoptiva
Quere devolverlle á artista parte do agarimo e da visibilidade que lle deu á terra das palilleiras

Luz Casal será nomeada Filla Adoptiva de Camariñas nun pleno o día 29. / Cedida
O Concello de Camariñas celebrará o mércores, 29 de xullo, un pleno extraordinario cun punto moi especial e histórico na orde do día: o nomeamento da recoñecida artista internacional Luz Casal como Filla Adoptiva da vila. A sesión plenaria terá un marcado carácter festivo e de homenaxe, e estará aberta á asistencia de todo o público que desexe acompañar á cantante neste día tan significativo.
A propia Luz Casal confirmou a súa presenza no acto institucional. Tras ser informada desta designación por parte do goberno local, a artista natural de Boimorto amosouse profundamente agradecida e emocionada, expresando que recibir este recoñecemento por parte do pobo camariñán supón para ela "un honor grandísimo".
Un himno que deu a volta ao mundo
Dende o Concello subliñan que a motivación principal para outorgarlle este título honorífico é "a impagable promoción internacional que Luz Casal fixo do municipio ao longo da súa extensa traxectoria coa súa maxestosa interpretación da canción tradicional Camariñas".
O goberno local pon en valor a evolución desta peza clave do folclore galego. "Aínda que foi o aclamado grupo galego Luar na Lubre quen rescatou esta cantiga da tradición oral e a coroou como un clásico indiscutible da música folk a finais dos anos 90, Luz Casal recolleu esa testemuña anos máis tarde para darlle unha dimensión global e inédita".
Nos auditorios máis prestixiosos
"Luz Casal colleu unha das nosas cantigas máis senlleiras e elevouna á categoría de himno internacional", explican dende o Concello. Ao incorporala ao seu repertorio, "a cantante logrou que o nome de Camariñas chegase a públicos masivos e aos auditorios máis prestixiosos do mundo que non adoitan consumir música de raíz. A canción converteuse, na súa voz, nun fío condutor que une á vila, o mar e aos nosos veciños coa diáspora e cos amantes da música en calquera recuncho do planeta", subliñan.
Co nomeamento como Filla Adoptiva, o Concello e a veciñanza de Camariñas buscan "devolverlle á artista galega unha pequena parte de todo o agarimo e a proxección que ela lle ten regalado á vila, reforzando para sempre o vínculo inquebrantable entre Luz Casal e a terra das palilleiras", conclúen.
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto