Un investimento de 1,6 millóns situará o radar meteorolóxico de Cuntis á vangarda tecnolóxica de España
Mellorarase a resposta ante fenómenos adversos ou situacións de risco que requiran información en tempo real, fiable e sen interrupcións

Radar meteorolóxico de MeteoGalicia, instalado en Cuntis. / MeteoGalicia
A Xunta de Galicia ten comprometido un investimento de 1,63 millóns de euros co fin de modernizar de forma integral o radar meteorolóxico de Cuntis, unha infraestrutura clave dentro da Rede de observación meteorolóxica autonómica.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2010, proporciona información esencial para a vixilancia atmosférica, a emisión de avisos e o apoio no servizo de predición que ofrece a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia.
O Consello da Xunta tomou razón este luns da próxima licitación do contrato para a subministración, instalación e posta en marcha operativa dun novo radar baseado na chamada tecnoloxía de estado sólido —máis moderna, fiable e eficiente que a utilizada agora— así como dos equipos e sistemas necesarios para a actualización integral das instalacións.
Deste xeito, Galicia situarase á vangarda dos servizos meteorolóxicos de toda España, xa que ningunha outra comunidade conta a día de hoxe cun radar que opere con esta tecnoloxía capaz non só de mellorar a calidade e a fiabilidade da predición, senón tamén de reforzar a capacidade de anticipación ante fenómenos adversos.
A actuación prevista pola Consellería permitirá optimizar un equipamento esencial para Galicia e que, tendo en conta tanto a súa antigüidade —leva 16 anos en funcionamento— como a obsolescencia progresiva dos seus compoñentes críticos, necesita unha modernización que o sitúe á altura dos estándares actuais neste eido.
De feito, tras a actualización, o radar aliñarase coas tecnoloxías adoptadas polos principais servizos meteorolóxicos do mundo, facilitando así a interoperabilidade, o intercambio de datos e a integración en redes e proxectos de ámbito europeo, ademais de cumprir cos criterios actuais de eficiencia enerxética e sustentabilidade.
Así, o radar do monte Xesteiras —o único que ten a Xunta en Galicia e integrado na rede de observación xunto coas 160 estacións meteorolóxicas e os 4 sensores de detección de raios— adecuarase aos estándares tecnolóxicos modernos e reforzará a capacidade de apoio na toma de decisións públicas, garantindo a continuidade do servizo de predición.
Cómpre subliñar que un sistema de radar máis fiable, preciso e robusto constitúe unha ferramenta esencial de apoio para as administracións en situacións de risco, permitindo dispor de información meteorolóxica de maior calidade en tempo real e contribuíndo a unha mellor xestión de emerxencias e á protección de persoas e bens.
Neste sentido, o novo equipamento optimizará a calidade, estabilidade e fiabilidade dos datos obtidos, reforzando a capacidade de vixilancia atmosférica e predición de MeteoGalicia e contribuíndo á adaptación ao cambio climático, á xestión de riscos naturais e á mellora dos sistemas públicos de información ambiental.
A través dos fondos Feder 2021-2027 cofinanciarase nun 60% esta actuación. A modo de exemplo, mellorarase a resposta ante fenómenos adversos, especialmente en caso de choiva intensa, tormentas, graínzo ou situacións de risco que requiran información en tempo real, fiable e sen interrupcións.
Outra das vantaxes da renovación tecnolóxica do sistema é que diminuirá o risco de paradas non planificadas, asegurando que siga operativo incluso durante episodios adversos.
Ademais, esta transición tecnolóxica reducirá o mantemento e as tarefas de conservación, co conseguinte aforro de custos e o alongamento significativo da vida útil do radar.
Todos estes obxectivos conseguiranse tecnicamente mediante a migración do sistema actual, un radar de banda C baseado en tecnoloxía de magnetrón (moi dependente de elementos cuxa fabricación cada vez é máis limitada), a unha solución de transmisión de estado sólido (máis eficiente e estable, aliñada cos estándares tecnolóxicos actuais).
Neste sentido, o contrato comprende a renovación dos subsistemas críticos do radar e dos seus elementos asociados así como os servizos técnicos necesarios para a súa integración, configuración e posterior posta en marcha.
A solución deberá ser compatible cos elementos da infraestrutura existente que se manteñan operativos para garantir unha transición ordenada e minimizar a afectación ao servizo.
Por iso, desenvolverase en dúas fases: a primeira, ao longo deste ano, centrarase na fabricación dos elementos, a integración, os controis de calidade e os tests en fábrica, mentres que a segunda, prevista para 2027, consistirá no transporte e instalación dos equipos, a realización de probas in situ e a formación do persoal.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames