O grupo musical Maianas recibirá este xoves a Medalla do Concello de Ames
Será no marco dos actos do Día de Galicia, no Pazo da Peregrina, e actuará Felisa Segade

Integerantes do grupo musical Maianas / Cedida
O Concello de Ames organiza para o vindeiro xoves, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento ao grupo musical Maianas.
Esta agrupación de 5 mulleres leva preto de 20 anos facendo gozar ao público coas súas cancións, a maioría de composición propia. Entregaráselle a Medalla do Concello de Ames en recoñecemento á súa carreira musical, destacando a promoción da cultura popular e da música tradicional de Galicia.
O acto reunirá autoridades municipais, membros de asociacións e veciños e estará presentado por Paula Señarís e actuará Felisa Segade.
Intervirán o alcalde, Blas García, e voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal.
O rexedor destaca que “o grupo musical Maianas ten unha recoñecida traxectoria musical ao longo de preto de 20 anos. Sempre promoveu a cultura popular e mantén viva a música tradicional de Galicia sobre os escenarios. É un grupo que ten unha importante presencia en festivais e eventos culturais en Galicia e fóra das nosas fronteiras. Tamén dispón dun importante traballo discográfico con catro álbums ao longo da súa traxectoria”.
Inés Suárez, unha das integrantes de Maianas, destaca que “é un agradecemento verse recoñecidas na nosa propia casa”. A integrante do grupo de cantareiras recoñeceu que están “algo nerviosas pola responsabilidade que supón un recoñecemento como este”, mais di que “tamén estamos moi orgullosas de recibir esta medalla xusto antes de facer os 20 anos”.
Traxectoria
A agrupación de cantareiras Maianas, formado en Ames en 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos, coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Ao longo destes anos percorreron Galicia con todo tipo de concertos. Foron gañadoras do Premio do Xurado do concurso da Radio Galega Vas sacar nota? en 2012 e do certame Novos Valores promovido polo Festigal en 2015. Participaron ademais en programas radiofónicos e televisivos como Luar ou Lume na palleira.
Tamén levaron a súa música a colexios de Educación Infantil e Primaria a través de concertos didácticos. Apostaron ademais por achegar a música tradicional á veciñanza amesá, organizando entre os anos 2008 e 2018 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, por onde pasaron agrupacións musicais de toda Galicia, e ofrecendo en 2019 a primeira edición do Serán da Maía.
Veciños e entidades coa Medalla do Concello
O grupo musical Maianas únese a outros relevantes veciños e entidades de Ames que recibiron en anos anteriores a Medalla do Concello, como Antonio López, Borja Golán, a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño.