Os campións de Europa de fútbol gaélico e o 'susurrador de cabalos' protagonizarán a Festa do Galo Piñeiro do Pino
A cita será os días 1 e 2 de agosto e incluirá mostra ecuestre, feira de artesanía, cetrería, concentración de coches clásicos e degustación gratuíta de galo

O prestixioso adestrador Santí Serra Camps, coñecido internacionalmente como 'o susurrador de cabalos'. / Cedida
Uns pregoeiros de luxo para unha edición especial. Os rapaces e as rapazas do Pino que se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico nas dúas últimas temporadas darán o pregón da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar que organiza o Concello para os días 1 e 2 de agosto.
Será un ano moi significativo, no que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia celebra as súas vodas de prata e que terá un peche tamén á altura da efeméride: o espectáculo ecuestre Sin Límites, de Santí Serra Camps.
Vinte e cinco anos despois da súa creación, a festa consolídase como un referente na promoción dos galos e galiñas de raza piñeira, do mundo ecuestre, da artesanía e das tradicións galegas, cun programa pensado para todas as idades e que combina espectáculos de primeiro nivel, gastronomía, cultura e actividades familiares.

Imaxe de arquivo da pasada edición da Festa do Galo Piñeiro. / Cedida
A programación comezará o sábado 1 de agosto ás 22.00 horas co espectáculo Quimera, da compañía Pablo Méndez Performance. Unha proposta de grande impacto visual que mestura malabares, acrobacias aéreas e maxia para transmitir unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de preservar os bosques e as fragas.
O domingo 2 de agosto será o día grande da celebración. Desde primeira hora abrirán a XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas e a Mostra Cabalar, dous dos piares da festa.
A feira avícola volverá reunir exemplares desta raza autóctona tan ligada á identidade do municipio, mentres que a mostra ecuestre contará cos mellores cabalos da comarca e manterá máis de 4.200 euros en premios, incluídos os galardóns especiais aos mellores movementos de Pura Raza Española e o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de Pura Raza Española nado e criado en Galicia.
Ao longo da mañá do domingo celebrarase tamén a sexta edición de Artesanía no Camiño, con postos de artesás e de artesáns chegados de toda Galicia, demostracións de oficios tradicionais (como talla de madeira, encaixe de bolillos, torneado ou elaboración de pezas de feltro) e obradoiros participativos.
Como complemento, desenvolveranse durante toda a xornada exhibicións de voo de aves rapaces e animacións de rúa, ademais de contar cunha ampla zona infantil con xogos e espectáculos para a cativada.
A programación complétase coa II Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que volverá reunir vehículos emblemáticos e atraer afeccionados de distintos puntos da comunidade autónoma.
Ás 13.00 horas celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo, seguida da entrega dos premios da feira avícola.
O pregón desta edición correrá a cargo das rapazas e dos rapaces do Pino campións de Europa de fútbol gaélico nas temporadas 2024-25 e 2026-26, un recoñecemento ao seu extraordinario éxito deportivo e ao exemplo que representan para a mocidade do municipio.
Posteriormente terá lugar o tradicional xantar popular baixo a carpa instalada xunto á Praza de Forcarei, para a que se poden retirar as entradas nos establecementos hostaleiros do municipio.
Pola tarde retomaranse as probas da Mostra Cabalar, coa carreira de trotóns, a exhibición de enganche, a proba de arrastre e a entrega dos premios aos mellores exemplares.
Como broche de ouro ás vodas de prata da festa, ás 20.30 horas presentarase Sin Límites, o espectáculo do prestixioso adestrador Santí Serra Camps, coñecido internacionalmente como o susurrador de cabalos.

O adestrador Santí Serra Camps ofrecerá un espectáculo ecuestre o domingo día 2. / Cedida
A súa doma en liberdade, baseada na confianza e na conexión cos animais, promete converterse nun dos momentos máis emotivos e espectaculares desta edición.
O Concello do Pino anima a veciñanza e as persoas visitantes a participar nesta edición tan especial da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Unha celebración que, vinte e cinco anos despois do seu nacemento, continúa medrando sen perder a súa esencia: poñer en valor o patrimonio rural, a gastronomía, a cultura e a hospitalidade que distinguen o municipio.
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical