Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

A Costa da Morte recibe preto de 111.000 euros para reforzar o socorrismo este verán

O Concello de Fisterra é un dos beneficiarios e contratou dous profesionais para a praia de Langosteira

Luis Insua, esquerda, e Belén do Campo cun dos socorristas de Fisterra.

Luis Insua, esquerda, e Belén do Campo cun dos socorristas de Fisterra. / X. G.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Fisterra

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde de Fisterra, Luis Ínsua, visitou a praia de Langosteira para supervisar o funcionamento do servizo de socorristas que conta co apoio da Xunta. O Concello fisterrán contratou dous socorristas.

Estes apoios son posibles grazas á orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para financiar a contratación de socorristas por parte dos concellos co obxectivo de garantir a seguridade nas praias, piscinas ou outras instalacións acuáticas descubertas durante os meses de verán.

Millón e medio para 186 concellos

A Xunta destina 1,5 millóns de euros a 186 concellos ou mancomunidades beneficiarios en Galicia. Por provincias, A Coruña con maior número de zonas de baño recibe a maior contía de axudas por un importe total de 530.000 euros distribuídas entre 56 concellos. A delegada da Xunta sinalou que na Costa da Morte contaron con estes apoios 11 concellos por un importe total de preto de 111.000 euros.

A representante do Goberno autonómico explicou que estas subvencións concédense en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.

Persoal desempregado

As axudas destínanse a financiar tanto o persoal propio da entidade local como ás persoas que o concello contrate para estas tarefas a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos que, neste segundo suposto, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas.

En ambos os casos, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do período subvencionable, no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia. Actualmente constan inscritos neste rexistro máis de 4.800 profesionais.

Criterios de concesión

Na concesión das achegas tivéronse en conta criterios como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, a adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2025, a poboación total da entidade local segundo o padrón municipal publicado no Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de bandeiras azuis concedidas ás praias da entidade local en 2025 ou contar con declaración de municipio turístico galego.

Así, malia que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta contribúe a fomentar a prestación deste servizo non só con estas axudas para a contratación, senón tamén coa oferta de cursos de formación para incrementar o número de profesionais na nosa comunidade.

Tracking Pixel Contents