Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

'A Fábrica da Luz' ilumina a fin de semana cultural de Cee

Os Bolechas chegarán o venres á Praza da Muller co espectáculo O karaoke deportivo

Escolares del CEIP do Pindo durante la presentación del libro.

Escolares del CEIP do Pindo durante la presentación del libro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cee

A biblioteca municipal de Cee acollerá mañá, ás 11.30 horas, unha sesión especial do contacontos A Fábrica da Luz aberta a todos os públicos.

A iniciativa, promovida por Xeal pretende que, a través da narración, os nenos e nenas descubran a relación entre a contorna natural —a chuvia e a forza da auga— e o traballo que permite transformar esa enerxía en electricidade.

A actividade pon en valor o compoñente humano da produción enerxética, destacando que «detrás de cada luz acesa hai persoas que traballan as 24 horas do día para facer posible a subministración», destacan.

O papel das instalacións hidroeléctricas

A sesión está concibida como unha experiencia educativa e familiar, adaptada para que os máis pequenos poidan gozar da historia e coñecer mellor o papel que desempeñan as instalacións hidroeléctricas na produción de enerxía.

Con esta iniciativa, Xeal continúa a súa aposta polas accións divulgativas que contribúen a fomentar o coñecemento do patrimonio industrial e enerxético do territorio, reforzando ao mesmo tempo o seu vínculo coa comunidade local.

A sesión está enmarcada na programación cultural de verán do Concello de Cee, que se complementará mañá coa presentación da novela La vida como préstamo, de José Manuel Otero Lastres. O acto terá lugar tamén na biblioteca a partir das 20.00 horas.

Cartel promocional da presentación do libro de Otero Lastres.

Cartel promocional da presentación do libro de Otero Lastres. / Cedida

Otero Lastres recolle na súa obra os artigos publicados no diario ABC reflexionando sobre a fraxilidade da condición humana e expondo a existencia como un ben temporal que nos obriga a actuar con profunda responsabilidade. O catedrático aborda a importancia de protexer a dignidade humana, a amizade, o amor e o pensamento crítico fronte a ameazas como a desinformación.

Acompañarán ao escritor a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, o catedrático de Historia da Arte, José Manuel García e o escritor, Alfredo Conde.

E na xornada do venres, os máis pequenos e pequenas da casa teñen unha cita ineludible cos seus grandes amigos Os Bolechas, que presentarán O karaoke deportivo ás 20.00 horas na Praza da Muller. O acto está enmarcado no programa Falaredes 2026 da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

O domingo celebrarase o II Festival Novo Viana.

O domingo celebrarase o II Festival Novo Viana. / Cedida

A fin de semana cultural completarase en Cee co II Festival de Verán Novo Viana, promovido pola Asociación Novo Viana. A cita é o domingo ás 20.00 horas no Auditorio Baldomero Cores. Ademais do Grupo de Baile Novo Viana, participarán as agrupacións Terra de Sena (Cee), Pedras Miúdas (Lires) e Barlovento Nosa Señora do Carmen, de Fisterra.

Asemade, ata finais de mes segue aberta ao público na Casa da Cultura a exposición Alas de madeira, de Manuel Canosa Santamaría.

Tracking Pixel Contents