Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CARBALLO

A veciñanza de Verdillo quere rescatar o legado do “cura das estradas”

Creará un arquivo colaborativo para conservar o legado humano, social e pastoral de D. Constantino Campos

A iniciativa coincide co vinte e cinco aniversario do falecemento do párroco

D. Constantino, á esquerda, durante a inauguración dunha pista en Verdillo.

D. Constantino, á esquerda, durante a inauguración dunha pista en Verdillo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Coincidindo co 25º aniversario do falecemento de Constantino Campos Pena, párroco de Verdillo (Carballo), un grupo de veciños e veciñas puxo en marcha unha iniciativa para recompilar e preservar a memoria da súa etapa como sacerdote na parroquia, onde desenvolveu un intenso labor social e pastoral desde 1968.

Constantino Campos naceu en 1915 en Trasmonte (Ames) e morreu no 2001 en Verdillo (Carballo). Antes de chegar á parroquia carballesa exerceu en Cabanas e O Barro, no Concello da Baña, e tamén estivo en Artes (Carballo).

"No ano 1999, ao recibir o recoñecemento como Carballés do Ano, confesaba nunha entrevista que o seu principal defecto fora non deixar un arquivo sobre a historia da parroquia para os seus sucesores. Vinte e cinco anos despois do seu falecemento, esta iniciativa pretende facer realidade aquel desexo", afirma Venancio Serrano, un dos impulsores da iniciativa.

Asegura que na zona "era coñecido como o cura das carreteras", pois foi quen liderou a construción de pistas e a mellora das comunicacións da parroquia de Verdillo. Ademais, engade Venancio, "el tamén traballou na mellora das estradas. Tiña un Seat 600 e nel levaba a carretilla ou o que fixera falta para traballar".

Igrexa de San Lourenzo de Verdillo e, detrás, a estrutura do actual centro social.

Igrexa de San Lourenzo de Verdillo e, detrás, a estrutura do actual centro social. / Cedida

Tamén foi un cura moi activo no eido cultural e social. "Foi un dos impulsores da Asociación Cultural Arume, que segue activa, e tamén do equipo da S. D. Lorenzo, de Verdillo, ademais de liderar a construción do centro social da parroquia", subliña Venancio Serrano.

O obxectivo agora é crear un arquivo colaborativo que recolla testemuños, documentos e materiais que permitan reconstruír a historia da parroquia e da comunidade durante os anos nos que D. Constantino Campos estivo á súa fronte. Para iso, fan un chamamento á participación de todas as persoas que compartiron aquela etapa ou conservan algún recordo dela.

Un arquivo comunitario

Os organizadores convidan a achegar anécdotas, vivencias e recordos relacionados coa construción das pistas, a creación das distintas asociacións, as celebracións relixiosas, así como fotografías, documentos e calquera outro material que contribúa a enriquecer este proxecto colectivo.

"Queremos que sexa un arquivo feito entre todos. Cada fotografía esquecida nun caixón, cada anécdota ou cada documento pode achegar unha peza importante para comprender a historia da parroquia e o seu legado", explica Venancio.

Toda a información recompilada servirá para elaborar un documento de carácter histórico e divulgativo que será compartido coa veciñanza, "co propósito de conservar e transmitir ás novas xeracións o legado humano, social e comunitario de D. Constantino Campos Pena", subliña Venancio Serrano.

Espazos de colaboración

As persoas interesadas poden enviar os seus recordos a través do formulario habilitado en bit.ly/memoriasdonconstantino, mentres que as fotografías poden remitirse mediante bit.ly/fotosdonconstantino.

A organización anima tamén á cidadanía a difundir esta iniciativa entre familiares, amizades e persoas que viviron aquela época, co convencemento de que cada recordo pode contribuír a completar unha parte importante da historia recente de Verdillo e do resto da zona.

Tracking Pixel Contents