Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames aposta por un modelo de festas máis inclusivas e adaptadas para todos os veciños e visitantes

Unha programación festiva máis inclusiva, deseñada con actividades e medidas adaptadas para garantir o desfrute de persoas de todas as idades e capacidades

Festas da Madalena de Milladoiro, en Ames.

Festas da Madalena de Milladoiro, en Ames. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Pablo Vázquez

Santiago

O Concello de Ames, dentro da programación de "Ames en Festas", aposta pola inclusividade ofrecendo alternativas e solucións tanto para os máis pequenos como para o resto da veciñanza, incluíndo persoas con mobilidade reducida ou discapacidade auditiva, entre outras. Desta forma, pretenden achegar a festa a todo o público posible, garantindo que calquera persoa, independentemente da súa condición, poida gozar plenamente dos festexos.

Festa infantil durante a Madalena e a Peregrina

O Concello de Ames participa, dentro do marco da programación do "Ames en Festas 2026", na organización dunha festa infantil gratuíta para a rapazada, que se desenvolverá en dúas xornadas. A primeira delas será o sábado 1 de agosto, no segundo día das festas da Madalena, mentres que a segunda terá lugar o sábado 8, durante as festas da Peregrina, no parque do Ameneiral en Bertamiráns. As festas serán gratuítas e comezarán arredor das 18.00 horas e finalizarán sobre as 21.00. Nelas, os nenos e as nenas poderán gozar de inchables, música e actividades especialmente dirixidas para eles. Deste xeito, os máis pequenos poderán contar con tres tipos de inchables: un de auga, outro de percorrido e un derradeiro de saltos. Ademais, tamén se celebrará unha festa da escuma. Coa celebración desta festa infantil, preténdese crear unha xornada distinta para os máis pequenos, na que poidan gozar das xornadas festivas con actividades e alternativas de lecer especialmente pensadas e adaptadas para eles.

O "Ames en Festas", unha festa adaptada para todos

"Ames en Festas" contará cun horario de atraccións sen ruído durante todas as xornadas festivas nos dous principais núcleos de Ames: Bertamiráns e O Milladoiro. Deste xeito, o concello aposta por realizar unhas festas máis inclusivas nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas.

Ademais de dita iniciativa, o Millarock 2026 dará comezo ao "Ames en Festas" o venres 31 de xullo, na súa décimo quinta edición, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro. Actuarán os Tentáculo Rock, Sr. Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. O evento, organizado tanto polo departamento de Cultura do Concello de Ames coma pola Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo fomentar o rock galego e impulsar grupos emerxentes da contorna de Ames. Tamén haberá persoal da escola de rock "A Casa do Rock", encargado dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta "Merenda Rock". Este contará, outro ano máis, con mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Por outra banda, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida.

Con estas propostas, preténdese organizar unhas festas máis inclusivas, ofrecendo opcións nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos do mellor xeito posible, facilitando a asistencia ás persoas que, habitualmente, non poden asistir e desfrutar deste tipo de festas. 

Tracking Pixel Contents