Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Maianas: "Se a música galega nunca estivo denigrada é grazas a todos os grupos que abriron camiño"

Recibirán a Medalla do Concello de Ames este xoves no Pazo da Peregrina

Integrantes de Maianas, galardoadas coa Medalla do Concello de Ames

Integrantes de Maianas, galardoadas coa Medalla do Concello de Ames / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A música tradicional galega está máis viva que nunca. O grupo musical Maianas recibirá este xoves 23 de xullo a Medalla do Concello de Ames no Pazo da Peregrina, con motivo das celebracións do Día de Galicia. Esta agrupación de 5 mulleres leva preto de 20 anos facendo vibrar ao público tanto con composicións propias como con temas tradicionais. Inés Suárez, integrante de Maianas, define o proxecto "como un grupo de amigas que no seu día se xuntou para facer o que mellor se lles daba, que era cantar e un día deu un paso máis. Entón empezamos a compoñer nós, a meter a guitarra como elemento máis identificativo noso".

Profetas na súa terra

Son galardonadas en Ames, na súa casa, que está moi presente nas súas cancións: "Somos do Val da Maía. Os habitantes da Maía, do Val, eran os maiáns ou as maianas. Nós collimos ese nome e intentamos levar o nome de Ames por onde imos". Un premio como este, para Inés, "é un orgullo, un recoñecemento ao que intentamos facer e o recoñecemento na casa sempre ten un valor especial".

Vinte anos de música dan para moito e, no caso de Maianas, a evolución principal do grupo son as composicións propias: "Non deixamos de facer os temas tradicionais, porque son as que máis gustan, cancións como Palmira, que lle damos unha volta de guitarreo, ou O Sacristán de Coímbra... Pero o cambio principal son as composicións propias". Composicións que xorden nos momentos máis imprevistos, por exemplo: "Ocórresenos esta melodía no coche e despois levámola ao ensaio e dámoslle forma".

O tradi expande fronteiras

A música tradicional galega racha cos seus límites musicais. Para Inés, é algo importante de cara á evolución deste tipo de música: "A min gústame sempre que non se esqueza o tradi e gústame moito que se faga un rexistro máis moderno, que se achegue a mocidade á música tradicional porque é unha música que ten moitísimo que dar. Hai moita xente nova á que lle gusta a música tradicional e vai a concertos. Iso é un bo síntoma de que a música tradicional está a medrar, está a evolucionar e está a chegar a moita máis xente". Alaba o traballo de artistas como Baiuca que "mete as cancións de toda a vida no miolo da mocidade".

Maianas, galardoadas este xoves coa Medalla do Concello de Ames

Maianas, galardoadas este xoves coa Medalla do Concello de Ames / Cedida

Esta expansión do tradicional vai da man co crecemento da música en galego: "Hai anos tíñannos un pouco máis apartadas para os momentos máis asociados á música tradicional como as Letras Galegas ou o Magosto. Agora mesmo a música galega soa en calqueira momento e iso é grazas a todos os grupos que abriron camiño. Se a música galega nunca estivo denigrada é grazas a todos os grupos que abriron camiño". O certo é que, a día de hoxe, podemos atopar grupos ou proxectos musicais en galego de todo tipo e a xente está máis predisposta a facer outro tipo de plans culturais: "Coñezo moita xente nova á que lle gusta ir a foliadas, cousa que antes era case impensable, grupos como De Ninghures abriron moito campo nese sentido".

Os Castros de Bugallido

Con respecto á medalla deste xoves, aínda non teñen claro con que canción o van celebrar: "Temos moita discusión sobre que canción cantar. Queríamos cantar Palmira, pero non é nosa... Reixoubeiras ten moitas papeletas de gañar". Entre risas, confesa que non quere desvelar a sorpresa. O que si ten claro é quen lle gustaría que recibise este galardón o ano que vén: "Aínda que en Ames temos de todo e somos moi artistas, de tirar outro ano máis polo tradicional eu daríalla á Asociación Os Castros de Bugallido. Eu empecei nos Castros, é unha asociación que leva aí case 50 anos e moita xente empezou na pandeireta por eles, cando ían tocando polas aldeas".

Dos Castros a Baiuca hai un mundo, ou quizais non. Entre a tradición e a innovación, a música galega segue atopando novas voces sen esquecer as súas raíces e Maianas é boa proba diso.

Tracking Pixel Contents