Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RECURSO BÁSICO

Cada pinga conta: chamamento en Carballo e Malpica para reducir o consumo de auga

O nivel do Anllóns sitúase case á metade do rexistrado nas mesmas datas de 2025

O nivel do Anllóns ao seu paso por Carballo sitúase case á metade respecto a 2025.

O nivel do Anllóns ao seu paso por Carballo sitúase case á metade respecto a 2025. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños fan un chamamento á colaboración de toda a veciñanza para reducir o consumo de auga e evitar os usos innecesarios ante a situación de prealerta por escaseza activada o pasado 8 de xullo pola Xunta de Galicia en toda a bacía do río Anllóns.

A prolongada ausencia de precipitacións está a provocar unha diminución moi significativa do caudal. "O nivel do Anllóns ao seu paso por Carballo sitúase nestes momentos case á metade do rexistrado nas mesmas datas do ano 2025, cando aínda queda boa parte do verán por diante e as perspectivas de chuvia son escasas", subliñan dende o Concello carballés.

Dobre captación

O sistema municipal de abastecemento conta con dúas captacións conectadas, situadas nos ríos Anllóns e Bardoso, o que permite alternar ou complementar a achega de ambas en función das necesidades e das condicións de cada momento. 

A captación do Bardoso está integrada no sistema de tratamento de Bardoso-Carral e no depósito do Seixo Branco. A existencia desta segunda fonte de subministración contribúe a reforzar a seguridade e a capacidade de resposta do sistema municipal.

Con todo, desde o Concello incídese en que "esta circunstancia non debe levar a relaxar as medidas de aforro nin a descoidar o Anllóns, que constitúe un recurso natural esencial para o municipio e para o conxunto da comarca".

Polo momento, engaden, "non existen problemas de abastecemento, pero a evolución do caudal, a falta prolongada de precipitacións e o feito de que aínda quede boa parte do verán aconsellan actuar con anticipación, responsabilidade e prudencia".

Medidas nos servizos municipais

O Concello de Carballo xa adoptou diferentes medidas de aforro en todos os servizos e subministracións municipais.

Entre elas atópanse a suspensión dos baldeos, o corte da subministración de auga ás fontes ornamentais, a diminución da frecuencia e da duración dos regos e a utilización de plantas con pouca demanda hídrica nos parques e xardíns.

Vixilancia constante dos consumos

Tamén se mantén unha vixilancia constante dos consumos nas instalacións municipais e na rede de distribución, co obxectivo de detectar posibles fugas ou incrementos anormais e actuar coa maior rapidez posible.

Estas medidas teñen un carácter preventivo e buscan reducir os consumos que non resulten imprescindibles, preservar os recursos dispoñibles e contribuír á conservación dos ríos dos que depende o abastecemento municipal.

Campaña de concienciación

En colaboración coa empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua, o Concello puxo en marcha tamén unha campaña informativa co lema A auga non se coida soa, coa que difundirá a través de diferentes canles unha serie de recomendacións básicas para fomentar un uso responsable deste recurso esencial.

Entre as principais medidas que pode adoptar a cidadanía atópase limitar os sistemas automáticos de rego, utilizándoos unicamente durante a madrugada e reducindo tanto a frecuencia como a duración. Tamén se solicita evitar o enchido de piscinas particulares e non lavar vehículos, patios, beirarrúas ou fachadas con mangueiras.

Recomendacións no ámbito doméstico

No ámbito doméstico recoméndase optar por duchas curtas e evitar encher a bañeira. Mentres se agarda a que a auga saia quente, pode recollerse nun caldeiro para reutilizala posteriormente na limpeza, no rego das plantas ou na cisterna.

Outros xestos sinxelos, como manter as billas pechadas mentres se lavan os dentes ou durante o afeitado, utilizar a lavadora e o lavalouzas só cando estean a carga completa e empregar programas de baixo consumo, poden supoñer un aforro importante ao longo do día.

O Concello tamén recomenda utilizar cisternas de dobre descarga. Nas vivendas que non dispoñan deste sistema pode introducirse unha botella de dous litros chea de auga no depósito, sempre que non interfira no seu funcionamento, para reducir o volume empregado en cada descarga.

Revisar as instalacións

Así mesmo, é importante revisar periodicamente as instalacións interiores das vivendas e reparar canto antes as pequenas fugas en billas, cisternas, mangueiras ou sistemas de rego, xa que unha perda continuada pode provocar o desperdicio de centos de litros.

O Concello de Carballo lembra que "contar cun sistema de abastecemento máis seguro grazas ás captacións do Anllóns e do Bardoso non elimina a obriga colectiva de utilizar a auga de maneira responsable".

Cada pequeno xesto conta

Pola súa banda, dende o Concello de Malpica fan tamén un chamamento á colaboración da veciñanza para reducir os consumos non imprescindibles e facer un uso máis eficiente da auga no día a día.

Por iso, recomendan evitar regar xardíns e hortas, lavar vehículos, baldear patios, rúas ou beirarrúas e encher piscinas.

"Cada pequeno xesto conta. Entre todos e todas podemos contribuír a preservar un recurso tan valioso como a auga, facendo un consumo responsable e sostible", subliñan.

Tracking Pixel Contents