Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Rocío Carbia López, a artista arxentina que converte o traxe tradicional galego nunha obra de arte na Estrada

A artista arxentina Rocío Carbia López revisita o traxe tradicional galego a través dunha serie de oito obras en debuxo dixital que mesturan memoria familiar e creación contemporánea en 'Onde o corpo asenta'

Carbia López na presetanción de ‘Onde o corpo asenta’.

Carbia López na presetanción de ‘Onde o corpo asenta’. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Belén Bertonasco

Belén Bertonasco

Santiago

A exposición Onde o corpoasenta, da artista arxentina Rocío Carbia López, poderá visitarse ata o 3 de agosto na A Riala Taberna (Travesía da Igrexa, 7), na Estrada. A serie reúne oito pezas que revisitan o traxe tradicional galego desde unha mirada contemporánea. «Onde o corpo asenta é unha serie de oito pezas atravesada polo facer artesanal», explica a arxentina Rocío Carbia López.

«Este proxecto nace entre dúas beiras: Bos Aires e Galicia, entre a vida vivida e a memoria heredada», asevera Carbia, que vén dunha familia galega moi activa en institucións culturais e sociais vencelladas a Galicia e a España.

Rocío Carbia López

Rocío Carbia López / Cedida

As avoas de López Carbia están na orixe da tradición que reivindica na súa obra que hoxe expon xa que, ambas, nacidas en Galicia, foron costureiras que fixeron traxes para que outras persoas puidesen soster unha identidade mesmo lonxe da súa terra. «Nese espazo aprendín a mirar e a facer. A comprender que existen pezas que gardan máis do que amosan: tempo acumulado, uso, memoria e afecto», comenta.

«Bailar e cantar ataviada é unha maneira de pasar a historia e a cultura polo corpo. É tamén un ritual de encontro co colectivo. Como bailadora e cantareira desde a infancia, o traxe non foi só representación: foi corpo, movemento e práctica multidisciplinar», lembra.

As obras

As figuras están realizadas en debuxo dixital, cun trazo simple e sintético. Sitúanse sobre fondos construídos a partir de collages de papeis, teas, puntillas, texturas e pegadas materiais vinculadas ao traballo téxtil. «As follas de xasmín evocan a delicadeza das mans da nai da miña nai, acompañadas de agulla e dedal nunha tarde de verán», apunta.

A arxentina preparando a presentación

A arxentina preparando a presentación / Cedida

O corpo apóiase sobre a materia e esta sostén a imaxe. O traxe ocupa o primeiro plano, mentres que o facer artesanal, o tempo e a transmisión familiar pasan a formar parte do fondo da composición. En cada imaxe aparece ademais unha copla do Cancioneiro Popular Galego de Ramón Cabanillas (Editorial Galaxia, 1976), incorporada como reforzo poético e popular. «A palabra achega humor, retranca e oralidade; ese xeito de dicir que lembro asociado ao pedal da máquina de coser e ás risas compartidas arredor do traballo», sinala Carbia López.

Máis que reconstruír o traxe, este proxecto pretende comprender aquilo que o sostén. «Conservo debuxos, teas, prendas e recordos, mais sobre todo conservo o xesto: o de confeccionar e o de transmitir», conclúe a arxentina.

A mostra na Estrada

A mostra na Estrada / Cedida

TEMAS

Tracking Pixel Contents