Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

VACACIÓNS EN PAZ

Bachir e Mohamed pasarán na Laracha un verán de solidariedade e convivencia

Costa da Morte acolle este ano once nenos e nenas saharauís

Recepción aos nenos e nenas saharuís na Laracha.

Recepción aos nenos e nenas saharuís na Laracha. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Laracha

O alcalde da Laracha, José Manuel López, e a concelleira Patricia Bello recibiron aos representantes de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) e ás dúas familias larachesas que este verán participan no programa Vacacións en Paz.

A iniciativa permite que nenos e nenas procedentes dos campamentos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf (Arxelia) pasen os meses de xullo e agosto en Galicia, afastándose das duras condicións climatolóxicas que soportan nesta época do ano con temperaturas que superan os 50 graos.

As familias larachesas que participan no programa son as de Patricia Varela, acolledora de Bachir, e a de Rubén Fandiño, acolledora de Mohamed. Estiveron acompañadas no encontro cos representantes municipais por Martín Barca, delegado de Sogaps na Costa da Morte, e Verónica Calvo, vogal da asociación, que este verán acollen a Fatimatu.

Implicación e xenerosidade

O alcalde agradeceu ás familias larachesas a súa "implicación e xenerosidade", así como o labor que desenvolve Sogaps desde hai anos para facer posible este programa de cooperación e solidariedade, que ofrece aos menores saharauis unha experiencia enriquecedora tanto desde o punto de vista persoal como sanitario e educativo.

López Varela destacou que un dos nenos acollidos, Bachir, está participando nesta semana no campus de fútbol organizado polo Concello, que "ademais de permitir desfrutar da actividade, é unha boa oportunidade para socializar con outros rapaces do seu grupo de idade".

Os representantes de Sogaps subliñaron que entre os obxectivos de Vacacións en Paz figuran reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauis a vivir no Sáhara Occidental e dar visibilidade á situación que atravesa este pobo; facilitarlles atención médica e unha alimentación adecuada durante a súa estancia; favorecer o perfeccionamento das linguas castelá e galega que estudan nos seus programas educativos; ofrecerlles unha alternativa de lecer e tempo libre; e evitar que permanezan nos campamentos durante os meses de máis calor.

Convivencia e integración

Ademais, o programa contribúe a fomentar entre a sociedade galega valores como a solidariedade, a tolerancia, a convivencia e a integración.

Na actualidade son once os nenos e nenas saharauis acollidos por familias da Costa da Morte e máis de trescentos en toda Galicia, todos eles a través de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e coa colaboración da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas en cooperar con esta ou outras iniciativas de Sogaps, ou mesmo converterse en familia acolledora, poden ampliar información na páxina web www.sogaps.org ou chamando ao teléfono 678 727 382.

Tracking Pixel Contents