Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FESTAS

Devoción, historia e sabores do mar dende Padrón ata Costa da Morte

Rianxo rendeu homenaxe á xouba nunha degustación que xuntou centos de comensais

Na vila de Rosalía milleiros de persoas acompañaron ao Santiaguiño do Monte

Un concorrido e animado campamento celta estableceuse en Porto do Son

O rei Afonso IXregresou a Camariñas rememorando a viaxe de 1228

Festa Celta de Porto do Son.

Festa Celta de Porto do Son. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Camariñas

De norte a sur e de leste a oeste, unha festa sen fin percorre esta fin de semana as comarcas de Compostela, Barbanza e Costa da Morte. Gastronomía, historia, música, troula e fe conviven nunhas datas moi sinaladas en Galicia.

En Padrón, a romaría do Santiaguiño do Monte volveu reunir milleiros de persoas. A singular procesión e a posterior romaría no monte San Gregorio congregaron a veciñanza, a visitantes e a peregrinos nunha xornada marcada pola devoción, a música popular e a convivencia.

Romeiros en Santiaguiño do Monte, en Padrón.

Romeiros en Santiaguiño do Monte, en Padrón. / Cedida

O alcalde, Anxo Arca, presidiu xunto ao resto do goberno padronés tanto a procesión como a subida ao monte, destacando a excelente resposta da xente, que un ano máis volveu encher o monte San Gregorio "participando nunha celebración que mantén viva unha das tradicións máis queridas de Padrón".

Procesión do Santiaguiño do Monte, de Padrón.

Procesión do Santiaguiño do Monte, de Padrón. / Cedida

A procesión do Santiaguiño Parrandeiro, como se coñece popularmente a imaxe do Apóstolo Santiago, percorreu as rúas da vila antes da tradicional subida ao monte, un dos momentos máis esperados da celebración.

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a imaxe foi portada por Antonio Cajaraville e polos irmáns Carlos e Uxío Beiró, aos que este ano se sumou Juan Villamor substituíndo a Manuel, o irmán de Antonio. Entre os catro, subiron o santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte. Os tradicionais bailes dos santos volveron sorprender aos peregrinos e turistas.

O alcalde e a concelleira repartindo os sombreiros conmemorativos.

O alcalde e a concelleira repartindo os sombreiros conmemorativos. / Cedida

Ao remate da misa solemne, celebrouse a tradicional sardiñada. O alcalde e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron entre as numerosas persoas que fixeron cola un sombreiro conmemorativo para levar de recordo coas racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, repartíronse máis de 1.500 racións.

Un momento da procesión polas rúas de Padrón.

Un momento da procesión polas rúas de Padrón. / Cedida

Coma sempre, foron moitas as familias e os grupos de amigos que compartiron un xantar popular nalgunha das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas, coas mesas que cada quen preparou para gozar da romaría.

De amenizar a cita encargáronse os grupos folclóricos O Pedrón, Arreixeira, San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, Xoldra e a Banda de Gaitas de Gondomar. Pola tarde, a cativada puido gozar tamén dunha festa infantil con xogos e actividades.

Ás 19.00 horas, a baixada da imaxe do Santiaguiño puxo o punto final á romaría, devolvendo o santo á igrexa parroquial ata a próxima edición das festas.

Asentamento celta no Son

Pola súa banda, no Porto do Son comezaron o venres unha viaxe no tempo a través da Feira Celta, na que durante toda a fin de semana o público poderá gozar dun completo asentamento celta, con recreacións históricas, obradoiros participativos, xogos, actividades infantís, exhibicións, combates e propostas divulgativas pensadas para achegar a pequenos e maiores ao modo de vida dos antigos pobos celtas.

Nenos e maiores gozaron onte da Celta Race, no Porto do Son.

Nenos e maiores gozaron onte da Celta Race, no Porto do Son. / Cedida

Na xornada de onte celebrouse tamén a Celta Race, unha carreira de obstáculos que puxo a proba a habilidade e resistencia das persoas participantes, e pola noite estaba programado o espectáculo Errantes, unha impresionante montaxe de lume de gran formato, seguida de música e festa celta.

A Feira Celta despedirase hoxe, 26 de xullo, mantendo o ambiente festivo con novas actividades no campamento, música en directo, exhibicións, obradoiros e pasarrúas ata o peche oficial da celebración, poñendo o broche de ouro a tres intensas xornadas dedicadas á divulgación da cultura celta.

As rúas de Porto do Son enchéronse de singulares persoeiros.

As rúas de Porto do Son enchéronse de singulares persoeiros. / Cedida

O alcalde, Luis Oujo, que participou no acto inaugural asegura que esta é unha cita "pensada tanto para pequenos e maiores, con tres días repletos de historia viva, cultura, espectáculos, tradición e convivencia nunha contorna privilexiada". 

Comensais na Festa da Xouba, de Rianxo.

Comensais na Festa da Xouba, de Rianxo. / CRISTINA GUILLEN

Pola súa banda, en Rianxo, centos de comensais déronse cita no Campo de Arriba para degustar as prezadas xoubas do xeito, que se serviron fritidas, guisadas e en empanada. Foi o acto central dunha semana gastronómica e cultural que enche de vida e contido unha nova e exitosa Festa da Xouba, organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios co apoio da Consellería do Mar.

O alcalde, Julián Bustelo, dirixíndose aos asistentes á degustación.

O alcalde, Julián Bustelo, dirixíndose aos asistentes á degustación. / CRISTINA GUILLEN

A degustación estivo animada cun aplaudido Baile das Francadas e unha sesión vermú a cargo de Mínimo Eventos. A celebración chega hoxe ao seu fin cun espectáculo de música e danza tradicional, a cargo da agrupación O Fiadeiro, a partir das 20.30 horas.

Baile das Francadas na Festa da Xouba de Rianxo.

Baile das Francadas na Festa da Xouba de Rianxo. / CRISTINA GUILLEN

O alcalde, Julián Bustelo, asegurou que "esta é unha festa que fala do que fomos, do que somos e do que queremos seguir sendo. Unha festa coa que homenaxeamos aos homes e mulleres que, co seu traballo, fixeron posible o desenvolvemento da nosa vila. Unha festa na que rearfirmamos o noso compromiso co futuro da nosa cultura mariñeira e do sector do mar".

Marta Villaverde e Mariano Lago na degustación de Lira, en Carnota.

Marta Villaverde e Mariano Lago na degustación de Lira, en Carnota. / X. G.

En Carnota tamén renderon homenaxe aos produtos do mar na Festa Degustación dos Produtos da Reserva Mariña ‘Os Miñarzos’, organizada pola Confraría de Pescadores de Lira. Á cita sumouse a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que estivo acompañada polo patrón maior, Mariano Lago.

A conselleira e o patrón maior de Lira na degustación de produtos da reserva Os Miñarzos.

A conselleira e o patrón maior de Lira na degustación de produtos da reserva Os Miñarzos. / X. G.

Destacou que esta cita gastronómica é "un bo exemplo da promoción dos recursos do mar capturados mediante artes de pesca artesanais e respectuosas coa contorna", e subliñou que Os Miñarzos é a primeira reserva mariña de interese pesqueiro da costa atlántica peninsular "e un modelo pioneiro de coxestión no que a comunidade pesqueira participa activamente no coidado e protección do seu medio".

Recepción ao rei en Camariñas

Pola súa banda, en Camariñas tamén se citaron coa historia, a través do encontro O Encaixe no Camiño, promovido pola Asociación de Empresarios e de Promoción Turística (Aept), co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello e doutras entidades colaboradoras.

Recepción ao rei Afonso IX en Camariñas.

Recepción ao rei Afonso IX en Camariñas. / Diego Alonso

Un dos actos centrais tivo lugar este sábado, coa recepción no porto do rei Afonso IX, na que veciños e visitantes rememoraron a visita oficial do monarca a Camariñas no ano 1228. Hoxe completará o seu percorrido desprazándose ata Cereixo (Vimianzo) acompañado pola veciñanza.

O monarca Afonso IX co seu séquito nas rúas de Camariñas.

O monarca Afonso IX co seu séquito nas rúas de Camariñas. / Diego Alonso

O acto estivo presidido pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a delegada da Xunta, Belén do Campo, que destacou esta iniciativa como "un exemplo da unión entre o patrimonio histórico do Camiño de Santiago e a tradición do encaixe, un dos principais sinais de identidade da Costa da Morte".

Acto de recepción ao rei Afonso IX en Camariñas.

Acto de recepción ao rei Afonso IX en Camariñas. / Diego Alonso

Este domingo chegará tamén ao porto a dama italiana que, segundo a lenda, ensinou a palillar ás mulleres de Camariñas. Unha historia que tamén será recreada teatralmente e que se complementará cun desfile de moda a pé de rúa e unha exhibición en vivo a cargo de palilleiras locais.

A cita coa historia e a artesanía complementouse onte cunha concorrida Festa do Marisco.

Cita co medievo en Corcubión

Tamén en Corcubión están inmersos nunha viaxe ao pasado cun concorrido Mercado Medieval, que comezou o venres coa apertura de postos, espectáculos de rúa e a gran recreación histórica do Desembarco das Tropas do Arcebispo Rodrigo de Luna.

Hoxe domingo continuarán as representacións teatrais itinerantes e as exhibicións de tiro con arco. O mercado pechará as súas portas ás 23.00 horas co espectáculo de lume Troula – Lume (Gran Final).

Tracking Pixel Contents