TURISMO
Máis de 5.700 persoas visitaron o Pazo de Liñares de Lalín no primeiro semestre do ano
O acceso será gratuíto durante todo o mes de agosto para favorecer as visitas

Un grupo de visitante no Pazo de Liñares de Lalín. / Cedida
O Pazo de Liñares consolídase como un dos principais recursos turísticos e culturais de Lalín. Durante o primeiro semestre de 2026 rexistrou 5.782 visitantes, o que supón un incremento do 25% respecto ao mesmo período do ano pasado, cando se contabilizaron 4.622 persoas.
A concelleira de Turismo, Begoña Blanco, destaca que "estes datos confirman que o Pazo de Liñares continúa medrando ano tras ano e que se consolida como un espazo de referencia tanto para o turismo como para a actividade cultural e social do noso concello".

Un grupo de visitantes no Pazo de Liñares, en Lalín. / Cedida
Do total de visitantes deste primeiro semestre, 5.242 foron adultos e 540 menores, destacando especialmente o incremento de visitantes procedentes do resto de España, que practicamente se duplicaron con respecto ao ano anterior ao pasar de 554 a 1.001 persoas. Tamén aumentaron as visitas de Lalín (728 fronte a 656), do resto de Galicia (3.833 fronte a 3.244) e do estranxeiro (220 fronte a 168).
A procedencia dos visitantes internacionais neste primeiro semestre de 2026 foi moi variada, xa que chegaron turistas de 18 países dos cinco continentes. Do ámbito nacional chegaron viaxeiros dende quince comunidades autónomas, sen contar Galicia.
Incremento das persoas que participaron en actos e das excursións
A actividade desenvolvida no Pazo tamén experimentou un notable crecemento. Entre xaneiro e xuño participaron 614 persoas en actos, fronte ás 170 do mesmo período de 2025, mentres que as excursións medraron de 1.585 a 2.446 participantes, converténdose nun dos grandes motores da actividade do monumento. Acolle actos de natureza moi diversa como vodas, presentacións de libros, sesións fotográficas ou xornadas monográficas, entre outras iniciativas.
Begoña Blanco lembra que o Pazo de Liñares "non só é un espazo museístico, senón tamén un punto de encontro para actividades culturais, educativas e turísticas, ademais de funcionar como un centro de información para moitos visitantes que desde aquí descobren outros recursos patrimoniais e turísticos de Lalín e da comarca".
Outros atractivos turísticos
A responsable municipal subliña que seguen sendo un importante atractivo a Colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete, a casa natal do aviador Joaquín Loriga Taboada e o Museo da Marioneta, que continúa reforzando a súa oferta cunha programación estable de actividades, obradoiros e espectáculos dirixidos ao público familiar, contribuíndo a dinamizar o Pazo durante todo o ano.
Así mesmo, Blanco sinala que "o Pazo de Liñares recibe tamén un elevado número de persoas viaxeiras en autocaravana e de peregrinos que realizan aquí a súa parada para selar a credencial, ademais de numerosos camiñantes de toda España que utilizan este espazo como punto de partida para coñecer as rutas do municipio".
Facilitar o acceso en agosto
Así mesmo, Blanco anuncia que, como xa é habitual, durante todo o mes de agosto o acceso ao Pazo de Liñares será totalmente gratuíto, unha medida que pretende facilitar que tanto veciños como visitantes poidan coñecer este Ben de Interese Cultural (BIC) e os seus espazos expositivos nun dos meses de maior afluencia turística.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína