MÚSICA TRADICIONAL
Unto Vello: "As foliadas non resucitaron porque nunca morreron"
O dúo formado por Xabi e Bieito converteuse nun dos grandes expoñentes da nova música tradicional galega tras pasar, en apenas dous anos, das foliadas a encher a Sala Capitol de Santiago

Bieito e Xabi, de Unto Vello, as novas caras do 'tradi' galego. / Cedida
Iker Cotón
Pouco podían imaxinar Xabi e Bieito (de Arzúa e Cee, respectivamente) que aquela colaboración improvisada acabaría levando o seu proxecto a encher a Sala Capitol de Santiago e a percorrer escenarios de toda Galicia. Hoxe, Unto Vello é un dos nomes que mellor representan o rexurdir da música tradicional entre a mocidade. O nome nace dunha copla: 'Túa nai ten unto vello do porco que ha de matare', malia que recoñecen que a elección do nome non foi doada, barallaron antes opcións propostas polos seus amigos e mesmo por ChatGPT.
O dúo é un grupo de música tradicional galega nacido en 2024. Xabi ao acordeón e Bieito coa percusión, deron forma a un proxecto que conquista grandes salas e pequenas foliadas por toda Galicia. Coñecéronse hai tan só seis anos, nunha foliada en Vedra. Xa tiñan amigos en común e ese día acabaron tocando "ata as catro da mañá, como pasa sempre". Víronse por segunda vez en Compostela, para tocar, e a raíz dese encontro naceu a súa primeira canción.
Bieito define o proxecto como "continuadores que achegan un aire máis fresco", mentres que para Xabi son "unha representación do que aprendimos deste legado musical", aínda que calquera que os vexa tocar ten claro como definilos: dous amigos que viven a música tradi dende dentro. Desenvólvense nun mundo musical que está a renacer entre a xuventude. O tradicional volve estar de moda: hai circuítos de concertos, moita información nas redes e numerosos proxectos musicais que abranguen todo o abano desta música dende as famosas Tanxugueiras ata as mesturas máis inesperadas de Baiuca. Para o dúo, as foliadas nunca deixaron de estar vivas, aínda que recoñecen que se están consolidando moitas e que a xente se está comprometendo con estas celebracións, ata o punto de que lles custa asisitir a todas ás que lles gustaría.
Un proxecto espontáneo
Os dous concordan: "O grupo naceu dunha casualidade, non contabamos con isto". Todo comeza co concerto de grao de acordeón de Xabi no conservatorio. En palabras de Bieito: "Pediume que o acompañase na parte de música tradicional do concerto con percusión e voz". Despois desta colaboración improvisada, decidiron formalizar o grupo debido á insistencia dos máis achegados. É entón cando publicaron nas plataformas dixitais os seus dous primeiros temas: Corcubión-Corralín e Adelaida que tiveron moi boa acollida. A filosofía da formación non concorda co ánimo de lucro nin co cumprimento de obxectivos: "Nós imos facendo e, o que traia a vida, pois tróuxoo".
O crecemento do dúo foi exponencial. Dun concerto 'de casualidade' entre os dous a encher a Sala Capitol de Santiago en menos de dous anos. Bieito defíneo con oito letras: "Flipante". Xabi decántase por "surrealista". Continúan dicindo: "Se non tíñamos pensado nin facer un grupo, imaxínate encher a Capitol". As expectativas eran tales que tan só alugaran a pista da sala, á que lle tiveron que colgar o cartel de Sold Out en dous días e ampliar o aforo para todo o local, que se vendeu en menos dunha semana. Malia isto, os pés seguen na terra: "Seguimos tocando en concertos para 50 persoas e para nós segue a ser igual de marabilloso".
Inmaterial, o primeiro disco
Foi precisamente na Capitol onde presentaron o seu primeiro disco, Inmaterial, de doce cancións, producido na súa totalidade por Hevi en Laboratorio Soyuz, en Trazo. Bieito utiliza a mesma palabra de oito letras, "flipante", ao falar do proceso de gravación do disco: "Gravamos o son xogando cos espazos onde tocas, por exemplo, nunha cociña. Intentamos trasladar a naturalidade do directo ao disco". Xabi non lembra o comezo do proceso de creación do disco, defíneo como un proceso moi espontáneo de recompilación das pezas que lles gustaba tocar. Na portada do disco, coa firma de Nébeda Piñeiro, quixeron representar o lugar que tantas e tantas veces se transformou en escenario en todas as aldeas de Galicia: unha cociña. Nun collage vemos a Xabi e a Bieito de nenos, sobre a cociña: "Quixemos levar o antigo ao moderno e render homenaxe aos nosos nenos".
En canto ás súas referencias musicais, son moi "inesperadas". Bieito recoñece que os seus referentes máis próximos son todos aqueles que lle ensinaron a tocar, aínda que a súa música diaria transcende o tradicional: reggaeton, pop, rancheras... "de todo". Xabi, pola súa parte, sinte admiración por figuras da música tradi como Xabier Díaz (a quen lembra ir ver con seis anos) e Treixadura, aínda que a súa música de diario difire do que escoitamos nas foliadas: "Métrika, Lorna, Rosalía..." di, entre risas.
Mentres o seu nome segue a soar con forza nos escenarios de toda Galicia, Xabi e Bieito continúan vivindo a música coa mesma filosofía coa que comezaron nunha foliada en Vedra. Sen grandes estratexias nin obxectivos marcados, o seu proxecto medra ao ritmo das pandeiretas, dos seráns e do boca a boca. Nun momento de auxe da música tradicional en Galicia, o dúo demostra que as foliadas tamén teñen presente e, sobre todo, futuro entre a mocidade.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames