Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OLLADA A 1982

A Festa dos Botes de Arzúa homenaxea os mozos que a fixeron renacer tras a censura franquista

Haberá concertos, arte urbana, actividades infantís, xantar de fraternidade e mercado de artesanía

O alcalde, quinto esquerda, na presentación da Festa dos Botes de Arzúa.

O alcalde, quinto esquerda, na presentación da Festa dos Botes de Arzúa. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Arzúa

A asociación Xuventude Arzúa (XA) presentou a 43 edición da Festa dos Botes, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto, coa ollada posta en 1982 para homenaxear os cinco mozos que nese ano foron quen de recuperar a festa, despois de que fose censurada polo franquismo.

"Jorge de Castro, Ramón Villanueva, Cesáreo Bendaña, Jorge Rodríguez e Manuel Pimentel principiaron este legado que leva 45 anos pasando de xeración en xeración, sempre da man da mocidade", apuntan desde a organización. "Eles marcaron un antes e un despois na vila", engaden, polo que este ano, en representación da Comisión de 1982, Jorge de Castro será o encargado de dar o pregón, abrindo a festa o venres 7 de agosto e dando paso á procesión de Cutinocho que volverá percorrer as rúas de Arzúa. 

A presentación oficial do cartel contou coa participación do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; a concelleira de Igualdade, Lucía López; e o concelleiro de Mocidade, Daniel Moscoso; e as deputadas provinciais de Igualdade, Sol Agra, e de Cultura, Natividade González. “Queremos ter unha mención especial para as dúas administracións que desde un primeiro momento nos escoitaron e nos tenderon o seu apoio. Concello de Arzúa e Deputación da Coruña, grazas”, apuntou Joaquín Saavedra, presidente da XA. 

Espazo de creación para a mocidade

A Festa dos Botes ofrece, un ano máis, actividades para todos os públicos. Comezará cunha nova edición de Arte Urbana, que trata de dar un espazo de creación á mocidade de Arzúa. A música encherá a Cima do Lugar cos concertos de Chiskeiro, Bratzantifa e Ünder, e Diego Flâneur. Completarán a xornada Os Amighos da Túa Prima, BB+ e Escola Latexo Percusión, que acompañarán as persoas participantes no Xogo da Moca. 

O día grande será o sábado 8, que arrincará cunha sesión vermú da man de Señora DJ. Xa pola tarde, Os Festicultores terán o obxectivo de animar a veciñanza para o Memorial Luís Veiga de Lanzamento de Pucheiros. Durante toda a tarde haberá actividades para as crianzas, así como un obradoiro para que cada participante poida deseñar o seu propio bote. Co atardecer darán comezo os concertos de Familia Caamagno, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army, Banana Joe e Mahía.

Lingua e cultura

"Con esta programación buscamos xerar un espazo de encontro interxeracional onde facer comunidade, promovendo a lingua e a cultura, mais sobre todo volver poñer o foco na importancia que ten a mocidade no rural do país", explicou Saavedra.  

O domingo a festa trasladarase a Ribadiso, cun xantar de fraternidade, actividades infantís e festa da escuma. Como o toque musical non podía faltar, a sesión vermú e o tardeo estarán amenizados pola DJ local Pájara Boba. Así mesmo, durante toda a fin de semana creativas galegas exporán os seus produtos no Mercado de Artesanía da Festa dos Botes

A edición máis ambiciosa

"Esta 43 edición pretende ser a máis ambiciosa dos últimos anos, na que agardamos que tanto veciñas coma visitantes gocen dunha fin de semana de festa, música e cultura", sinalou o presidente de XA. Así, a asociación lembrou que toda a programación da Festa dos Botes é de balde, "e estamos moi orgullosas de ser quen de traer unha programación tan completa e que, ao mesmo tempo, sexa accesíbel para a mocidade do rural", destacou Saavedra. 

A Festa dos Botes ten aberto, nestes momentos, o ‘Bote dos Botes’, no que se poden facer doazóns a través de Goteo.

TEMAS

Tracking Pixel Contents