Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Praias vivas, accesibles e protexidas: Carballo reforza a xestión do seu litoral

A limpeza manual terá prioridade sobre a mecánica para reducir o impacto e protexer a píllara das dunas

Persoal do servizo de limpeza co edil Luis Lamas, esquerda, e o alcalde, á dereita.

Persoal do servizo de limpeza co edil Luis Lamas, esquerda, e o alcalde, á dereita. / C. C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O Concello de Carballo presentou os novos medios e infraestruturas para a xestión integral das súas praias durante a tempada estival e o resto do ano. A estratexia municipal combina un importante avance na accesibilidade do litoral e coa protección ambiental e o respecto aos ecosistemas sensibles.

Dentro das melloras estreadas esta tempada, os areais de Razo e A Pedra do Sal contan con novas zonas de sombra accesibles, deseñadas para que persoas con mobilidade reducida ou necesidades especiais poidan gozar da praia con confort e protexidas do sol directo.

Novas propostas de Cogami

Para testar este novo servizo, este luns visitaron as praias o vicepresidente primeiro e o tesoureiro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Ramón Sestayo e Álvaro García, que puxeron en valor o esforzo realizado polo Concello de Carballo, ao tempo que apuntaron algunhas propostas para seguir mellorando. O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas tomaron boa nota.

O alcalde, á dereita, cos representantes de Cogami, segundo e terceiro, en Razo.

O alcalde, á dereita, cos representantes de Cogami, segundo e terceiro, en Razo. / C. C.

O rexedor, xunto co persoal da empresa encargada do servizo de limpeza de praias, presentou tamén os novos medios destinados a seguir avanzando cara a excelencia. O Concello vén de adxudicar o contrato, por un importe de 190.060,42 euros anuais e unha vixencia de catro anos, á empresa Acciona.

Foco prioritario no espazos protexidos de Baldaio

Unha das características que distingue o litoral carballés é que o servizo de limpeza estará activo durante os doce meses do ano, garantindo o coidado constante do litoral e poñendo o foco prioritario no espazo protexido de Baldaio.

Pero a principal novidade operativa "é a prioridade absoluta da limpeza manual sobre a mecánica para evitar o impacto de vehículos pesados na contorna costeira. Con esta metodoloxía minuciosa garántese a protección da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha especie vulnerable que aniña na area", subliñan dende o goberno local.

O servizo execútase baixo as estritas directrices da certificación ambiental EMAS e inclúe novos medios: unha desbrozadora de pequeno tamaño e un novo vehículo 4x4, novas illas de reciclaxe selectiva fabricadas en madeira certificada e paneis de VIROC (material mineral-madeira de alta durabilidade e sen plásticos), o balizamento preventivo nos espazos dunares máis sensibles, e a limpeza e posta a punto de casetas de salvamento, aseos públicos e mobiliario urbano.

Turismo consciente

Este dispositivo de limpeza serve de soporte fundamental para o programa municipal Eu quero Razo-Baldaio, que desenvolve actividades de turismo consciente ata setembro, ou para a Praia dos Libros, unha bibliopraia que presta servizo en Razo desde mediados de xullo ata finais de agosto.

Con todas estas actuacións, o Concello de Carballo consolida os estándares que lle valeron recoñecementos como a Bandeira Azul e as certificacións ISO 14001 e EMAS, que o posicionan como un destino punteiro na Costa da Morte.

"Queremos praias vivas e para todo o mundo. A incorporación das novas zonas de sombra e a aposta por unha limpeza manual os 365 días amosan o Carballo que queremos: un concello que elimina barreiras e que sabe protexer o seu patrimonio natural máis valioso", manifestou o alcalde.

TEMAS

Tracking Pixel Contents