Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A sectorización da rede de auga en Codeseda permitiu detectar a orixe da fuga de 45.000 litros en catro días

O sistema que permite coñecer en detalle e controlar mellor o abastecemento abarca tamén o polígono, a central de emerxencias, a zona deportiva, a Agasp, os pavillóns e os institutos

O alcalde, Gonzalo Louzao, esquerda, na Estación de Tratamento de Auga Potable.

O alcalde, Gonzalo Louzao, esquerda, na Estación de Tratamento de Auga Potable. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Despois do corte programado na subministración días atrás, o Concello da Estrada ten xa completada unha nova fase no programa de sectorización da rede de abastecemento de auga, concretamente a que afecta á parroquia de Codeseda.

A actuación permite comprobar xa o seu efecto sobre o control no consumo de agua, algo especialmente importante nun verán tan seco como o actual.

O Concello puxo en marcha esta iniciativa en setembro de 2025, buscando que esta sectorización permitise ter un maior coñecemento e capacidade de control sobre a intricada condución que distribúe agua á capitalidade estradense e á súa zona periférica.

Chamada a garantir a eficiencia na traída, a medida supón a instalación de contadores para rexistrar en todo momento a agua que se está servindo a cada zona e a que se consume, algo que resulta fundamental para poder detectar e atallar posibles fugas.

Logo de que ao arranque da tempada de baño se puidese comprobar a importancia de ter unha rede de abastecemento sectorizada a raíz dunha rotura na zona das piscinas municipais, o Concello continuou con este programa en Codeseda, parroquia que conta cunha traída municipal e que durante moitos anos foi unha zona especialmente sensible para o abastecemento no municipio durante os meses secos do verán.

O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, aportou este luns os últimos datos de consumo. Na rede de abastecemento ao casco urbano o consumo actual sitúase en 3.300 metros cúbicos diarios, unha cifra moi boa se se compara cos niveis máximos de consumo acadados nalgúns días do pasado verán, con picos de 5.400 metros cúbicos por xornada.

No caso de Codeseda, o concelleiro explicou que o ano pasado por estas datas os consumos rondaban os 70 metros cúbicos diarios, mentres que o último dato apunta un consumo de 45.

O edil amosouse convencido de que a sectorización aplicada nestas últimas semanas xa está demostrando o seu efecto nesta zona. De feito, explicou que o sistema permitiu detectar un par de incidencias que supuxeron a perda de 45.000 litros de auga en catro días.

Durán relacionou estes episodios con descoidos no fogar, unha cuestión que levou a que dende o Concello se recomende aos veciños deixar a auga pechada cando se ausenten do domicilio durante varios días.

“A sectorización está permitindo ter esa capacidade de reacción que buscabamos: ser máis rápidos á hora de detectar onde se pode estar producindo unha fuga de auga”, apuntou Óscar Durán.

Na rede municipal de abastecemento son xa varios os sectores creados para ter un coñecemento máis profundo da distribución da auga, atendendo a que a normativa actual esixe ter o control sobre o 75% da distribuída.

Nestes momentos están sectorizados xa o polígono industrial de Toedo, a zona na que se asenta a central de Emerxencias A Estrada, a traída de Codeseda e a zona deportiva. Nesta última hai, á vez,

varios subsectores: piscinas, Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), pavillóns e institutos.

Ao completar a sectorización en Codeseda, o concelleiro de Servizos Municipais considera que os puntos más conflitivos están xa sectorizados, se ben indicou que a idea agora é continuar co programa polo incremento do control nos diferentes edificios municipais.

Finalmente, dende o Concello volve solicitarse á cidadanía que realice un consumo responsable de auga.

Tracking Pixel Contents