Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A LARACHA

A ANPA Balea rexeita agrupamentos por riba da ratio nas aulas mixtas de Caión

As familias advirten de que a previsión de matrícula supera os límites fixados en Primaria e Infantil

Colexio de Educación Infantil e Primaria de Caión.

Colexio de Educación Infantil e Primaria de Caión. / Google Maps

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Laracha

A ANPA Balea do CEIP de Caión, da Laracha, tras coñecer a información trasladada polo claustro de profesorado do centro sobre a planificación do vindeiro curso escolar, amosa a súa preocupación pola interpretación que a Dirección Xeral de Centros está a realizar da resolución do 10 de xaneiro de 2024 para mellorar a organización das aulas mixtas.

Aseguran que, no caso de Educación Primaria, o acordo establece que os agrupamentos de 1º-2º e 3º-4º non deben superar as 14 crianzas, mentres que en 5º-6º o límite é de 18.

"A previsión de matrícula do CEIP de Caión para o curso 2026/2027 supera eses límites en todos os agrupamentos. Porén, a Dirección Xeral sostén que estes topes só son aplicables cando o alumnado pertence ao mesmo ciclo, polo que considera posible agrupar alumnado de 2º e 3º de Primaria, pertencentes a ciclos distintos, aínda que o grupo resultante estea formado por 15 alumnos e alumnas".

Agrupar cursos de ciclos diferentes

A ANPA considera que "esta interpretación carece de sentido pedagóxico e contradí a finalidade do acordo. Se o obxectivo é reducir o número de alumnado nas aulas mixtas para mellorar a atención educativa, non resulta coherente que ese límite deixe de aplicarse simplemente por agrupar dous cursos de ciclos diferentes".

O número de alumnos e alumnas, engaden, "segue sendo o mesmo e tamén a complexidade de atender dous niveis educativos nunha mesma aula con alumnado con necesidades educativas especiais (NEE)".

Subliñan que a situación repítese tamén en Educación Infantil. O acordo establece que, cando unha aula mixta inclúa alumnado de 4º de Infantil, a ratio máxima será de 12 crianzas. "Con todo, a proposta da Administración para o CEIP de Caión contempla un agrupamento de 14 alumnos e alumnas, superando igualmente o límite previsto".

Esta interpretación, afirman, "tivo unha consecuencia directa na recente resolución do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP), na que non foron ofertadas as vacantes que o centro consideraba necesarias para dar cumprimento aos criterios do acordo e manter unha organización axeitada á súa realidade".

Apoio total ao profesorado

Por todo iso, a ANPA Balea manifesta "o seu total apoio ao claustro de profesorado do CEIP de Caión" e comparte a súa preocupación ante unha interpretación que, ao seu xuízo, "deixa sen efecto unha das principais medidas pactadas para reforzar a escola rural e mellorar a atención ao alumnado".

As familias consideran que os acordos asinados entre a Administración educativa e as organizacións sindicais "deben aplicarse con coherencia e conforme ao espírito co que foron negociados, evitando interpretacións que limiten ou desvirtúen o seu alcance",

Reclaman que as decisións organizativas respondan ás necesidades reais do alumnado e garantan "unha educación pública de calidade, con recursos suficientes, unha atención máis individualizada e un firme compromiso coa igualdade de oportunidades e coa defensa da escola rural galega".

Tracking Pixel Contents