CELEBRACIÓNS
O Berro Seco de San Fins e a luz do Ézaro iluminarán a fin de semana na Costa da Morte
A Festa da Praia ofrecerá obradoiros, xogos, sardiñada, música e o espectáculo nocturno de luz e son

Centos de romeiros, guiados polo párroco, entonando o Berro Seco en San Fins. / Cedida
A Costa da Morte dará a benvida ao mes de agosto con outra fin de semana cargada de citas lúdicas e festivas con propostas para todos os públicos.
En Dumbría celebrarase a 39ª Festa da Praia do Ézaro, que comezará o sábado, día 1, a partir das 16.00 horas no paseo marítimo, con obradoiros infantís de manualidades, xogos de habilidade para todas as idades e inchables. A compañía Enredos presentará o espectáculo A Vela Circo (19.30 horas).
Pola noite, a animación trasladarase á contorna da Fervenza do Ézaro. Alí, a Gallaecia Small Band ofrecerá un concerto de música soul, jazz, chachachás, boleros e mambos. E de 22.30 a 00.30 horas comezará o espectáculo de luz e son que iluminará a fervenza.

Espectáculo de luz e son na Fervenza do Ézaro. / Cedida
O domingo, día 2, as actividades comezarán ao mediodía. Garabato de Xogos presentará TransPorta, continuarán os obradoiros infantís de manualidades e os xogos de habilidade. Unha das citas máis esperadas é a sardiñada popular, amenizada coa música tradicional de Longarela.
Pola tarde, a praia do Ézaro acollerá os tradicionais xogos de cadeiras, sacos e corda, ademais do popular baile do cañoto. A música correrá a cargo de DJ Matrek e da orquestra Nueva Fuerza.
Pola súa banda, en Cabana de Bergantiños celebrarase o sábado, día 1, a tradicional romaría de San Fins do Castro, unha das citas máis arraigadas do municipio e declarada Festa de Interese Turístico.
Himno a San Fins
A xornada comezará con dianas e alboradas e a animación dos gaiteiros O Son do Castro. As misas comezarán ás 9.00 horas, e a solemne celebrarase ás 13.00 horas, cantada pola Coral de Cesullas. Ao mediodía actuará a Banda de Música Eduardo Pondal, que interpretará o Himno a San Fins.
De seguido, chegará un dos actos máis emblemáticos da romaría: o Berro Seco, unha manifestación singular creada polo sacerdote Saturnino Cuíñas Lois, e que se incorporou como parte simbólica e ritual do acto.

Santo da Pólvora de San Fins do Castro, en Cabana. / Cedida
Algúns investigadores propoñen unha posible orixe celta para este xesto colectivo. Outros consideran que podería tratarse dunha imitación do berro que lanzaban os canteiros de Cotobade —terra natal de Cuíñas— ao levantar grandes pedras durante o seu traballo.
O ritual é sinxelo e moi emotivo: o sacerdote indica aos romeiros que se dean a man, se agachen e, ao seu sinal, se ergan lanzando un forte «ouuuu». Este berro realízase tres veces consecutivas, coa participación coral de toda a romaría.
Unha celebración que se complementará coa tamén tradicional queima do Santo da Pólvora, e coa música da orquestra Los Españoles na sesión vermú.
Merendas campestres
Pola tarde celebraranse as tradicionais merendas campestres, amenizadas polos grupos folk Maruxía, Os Enxebres e Os Farrapos, e pola noite haberá verbena coas orquestras Horizon The Show e Los Españoles.
As festas continuarán o domingo 2 de agosto, coa celebración da Nosa Señora dos Remedios, que incluirá dianas e alboradas coa banda de gaitas Inllar, misas dende as 9.00 horas e a solemne ás 13.00 horas coa Coral de Cesullas, ademais dunha sesión vermú e unha verbena nocturna a cargo da orquestra Ritmo.
Dende o Concello detallan que, para máis información sobre a colocación de postos e mesas, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 696 083 217.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína