POLÍTICA MUNICIPAL
O PP pide licitar o SAF de Padrón e o alcalde acusa aos populares de «chegar tarde»
Ángel Rodríguez di que o novo escenario económico permite elaborar uns pregos viables e adaptados á realidade actual
Anxo Rei asegura que xa mantiveron reunións de traballo cos sindicatos e hai "un bo entedemento"

A moción debaterase no pleno do xoves. / Cedida
Redacción
O Partido Popular de Padrón presentou unha moción na que apremia ao goberno local a licitar e adxudicar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) antes de que remate o presente mandato.
O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, resalta que é unha petición "sensata e viable, sempre e cando haxa vontade política".
O principal argumento esgrimido para fundamentar esta solicitude é o "feito extraordinario" de que en Padrón "están a intervir ata catro empresas diferentes na prestación do servizo, o que leva consigo importantes limitacións organizativas".
Asegura que a distribución das novas altas entre as empresas "está a dificultar unha planificación global dos recursos, ao tempo que condiciona a organización do traballo e limita a consolidación de xornadas laborais estables para as traballadoras".
Planificación homoxénea e eficaz
Ademais, Rodríguez Conde estima que esta coincidencia simultánea de varias empresas "incide tamén na calidade do servizo que perciben as persoas usuarias do SAF, xa que, ao tratarse dunha atención tan sensible, require estabilidade dos equipos profesionais, coordinación e unha planificación axeitada, homoxénea e eficaz".
O voceiro do PP considera que, na actualidade, "danse as circunstancias axeitadas" para poder licitar e adxudicar o SAF, xa que nos últimos meses produciuse un cambio moi relevante no contexto económico e financeiro deste servizo grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permitiu incrementar de forma progresiva a achega autonómica ata alcanzar os 18 euros por hora no ano 2028.
Pregos adaptados á realidade actual
Este novo escenario económico, engade, "ofrécelle aos concellos unhas condicións moito máis favorables para elaborar uns pregos sólidos, economicamente viables e adaptados á realidade actual do servizo".
Por outra banda, Ángel Rodríguez Conde reclama que durante a fase de elaboración dos pregos técnicos e económicos o goberno local abra un proceso de diálogo entre os servizos municipais, a representación legal das persoas traballadoras e os demais axentes implicados para "preparar un expediente rigoroso que evite as incidencias que truncaron os anteriores intentos de licitación".
O alcalde di que o PP "volve chegar tarde"
O alcalde, Anxo Rei Arca, asegura ao respecto que "o señor Rodríguez Conde volve chegar tarde ante unha cuestión que xa está a ser xestionada por este goberno".
Unha vez máis, engade, "o voceiro do PP ponse en evidencia ao esixir a licitación dun servizo que eles mesmos non foron capaces de xestionar".
Durante os anos de goberno do PP, lembra, "xa existían varias empresas que prestaban este servizo en Padrón e o señor Rodríguez Conde non vía problema ningún".
Con todo, subliña, "o servizo de axuda no fogar en Padrón está garantido e cumpre cos estándares de calidade". Sinala que o actual goberno xa mantivo varias reunións de traballo con representantes sindicais do sector do SAF para avanzar na redacción de pregos, "existindo un bo entendemento".
Solucionar carencias herdadas
Por iso, Anxo Rei asegura que "Padrón terá licitado o SAF máis pronto que tarde grazas á capacidade de traballo e diálogo deste goberno, que está a solucionar todas as carencias xeradas durante os anos de gobernos incompetentes do PP dos que Rodríguez Conde formou parte".
O alcalde padronés aclara ademais que "o acordo entre a Fegamp e a Xunta supón unha mínima mellora, pero está moi lonxe das necesidades de financiación do SAF, que segue asfixiando a capacidade dos concellos".
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical