Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un simbólico galo piñeiro no Camiño Francés: o concurso de murais do Concello do Pino xa ten gañador

Habrahan Ochum Barrios Cortez comezará a elaborar esta mesma semana a obra coa que gañou o premio, dotado con 2.000 euros

Habrahan Ochum Barrios Cortez, gañador do II Concurso de Murais do Concello do Pino.

Habrahan Ochum Barrios Cortez, gañador do II Concurso de Murais do Concello do Pino. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
O Pino

O artista Habrahan Ochum Barrios Cortez é o gañador do II Concurso de Murais do Concello do Pino coa proposta O último selo, unha obra que será plasmada nun mural de gran formato e que contribuirá a reforzar a identidade turística e cultural do municipio.

A obra toma como fío condutor dous dos principais sinais de identidade do Pino: o Camiño de Santiago e a Festa do Galo Piñeiro.

O xurado acordou por unanimidade conceder o primeiro premio á proposta gañadora tras valorar as oito obras admitidas a concurso. O último selo obtivo a máxima puntuación posible, 15 puntos, ao destacar nos tres criterios establecidos nas bases: adaptación á temática, orixinalidade e dificultade técnica.

Na súa valoración, o xurado salientou que a proposta "representa de maneira excelente a condición do Concello do Pino como última etapa do Camiño Francés", integrando tamén elementos propios da Festa do Galo Piñeiro nunha composición de grande forza simbólica.

Así mesmo, destacou que o concepto do selo da persoa peregrina como elemento central do mural constitúe "unha proposta singular, innovadora e perfectamente recoñecible", con capacidade para converterse nun novo elemento identificativo do municipio.

Tamén puxo en valor a elevada calidade estética da obra e a súa notable viabilidade para ser executada sobre un soporte mural de gran formato.

O concurso contou finalmente con oito propostas admitidas, presentadas baixo lema para garantir o anonimato durante o proceso de valoración.

O xurado estivo presidido polo alcalde, Manuel Taboada, e integrado polo concelleiro José Fuentes, e os artistas Cándido Pazos e María Cruz Piñeiro, actuando como secretario Manuel Rodríguez.

Como gañador, Habrahan Ochum recibirá un premio de 2.000 euros. Ademais, o Concello asumirá a adquisición dos materiais necesarios para a execución da obra ata un importe máximo de 1.000 euros (IVE incluído).

A realización do mural comezará esta mesma semana, co obxectivo de que estea xa concluída de cara á celebración esta fin de semana da Festa do Galo Piñeiro.

Coa segunda edición deste certame, o Concello do Pino consolida unha iniciativa que busca embelecer espazos públicos mediante intervencións artísticas de calidade, ao tempo que promove a difusión dos principais recursos patrimoniais, culturais e turísticos do municipio a través da arte urbana.

Tracking Pixel Contents