Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DISTINCIÓN

Luz Casal: A voz que fixo universal Camariñas xa é Filla Adoptiva da vila

A artista agradeceu poder formar parte da vila dos encaixes «para el resto de mi vida»

Luz Casal coa Medalla de Filla Adoptiva de Camariñas.

Luz Casal coa Medalla de Filla Adoptiva de Camariñas. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Camariñas

Os sons da gaita de Budiño, o acordeón de Fran Barcia e o dos bolillos das palilleiras deron a benvida a Camariñas á que xa é a primeira Filla Adoptiva da vila: Luz Casal.

O Concello viviu hoxe unha das xornadas máis especiais da súa historia recente coa celebración do pleno extraordinario no que se formalizou o nomeamento da recoñecida artista internacional.

O salón de plenos vestiuse de gala e emoción para saldar unha "débeda de gratitude, de agarimo e de xustiza" cunha das voces máis importantes do país.

Luz Casal cos representantes políticos e veciños diante do concello.

Luz Casal cos representantes políticos e veciños diante do concello. / Cedida

A alcaldesa, Sandra Insua, dirixiu un emotivo discurso a Luz Casal, natural de Boimorto, subliñando que "o que a fai xigante aos ollos do pobo non son só os seus éxitos nos escenarios máis prestixiosos de Europa e Latinoamérica, senón a súa decisión de abrazar unha pequena cantiga nosa e convertela nun auténtico himno universal".

"Cando soan os teus acordes e cantas Ao pasar por Camariñas, por Camariñas cantando..., ti non só interpretas unha canción; colles a nosa alma, o cheiro do noso mar e o bruar das nosas ondas, e lévalo a públicos que doutro xeito nunca nos terían coñecido", destacou Insua.

Unha homenaxe extensiva á música galega e ás palilleiras

Dende o Corporación local tamén se quixo poñer en valor como o paso á fronte de Luz Casal marcou "un camiño marabilloso para a nosa música".

Así, a alcaldesa sinalou que ao outorgar este recoñecemento tamén se rende homenaxe a todas e todos os artistas que, seguindo o seu ronsel, desde que o folclore e grupos como Luar na Lubre rescataron a peza, collen a esencia de Camariñas e a levan polo mundo coa súa voz.

A artista coa alcaldesa e edís locais na capital camariñana.

A artista coa alcaldesa e edís locais na capital camariñana. / Cedida

O pleno tivo un forte carácter simbólico e tradicional grazas á presenza destacada de mulleres palilleiras, definidas por Sandra Insua como "o fío invisible que sostén a historia de Camariñas" e coas que a artista comparte valores de traballo, paciencia, forza e resiliencia. "Ti teces melodías coa mesma alma e amor pola nosa terra coa que elas tecen o noso encaixe", expresou a rexidora.

Tamén interviu a portavoz do PP, Paula Mouzo, quen lle deu as grazas á artista "por difundir o noso tesouro da música popular e, especialmente, por levar a canción de Camariñas por todo o mundo".

Luz: "Mi madre siempre me hablabla del encaje y de las palileiras"

Luz Casal cualificou de "momento muy especial" o vivido hoxe en Camariñas, onde confesou que "nunca había estado".

Malia non haber chegado ata hoxe á vila dos encaixes sinalou que "estar aquí me trae a la mente muchos recuerdos de mi infancia y de mi madre, ya que cuando era pequeña ella siempre me hablaba del encaje y de las palilleiras, de la importancia de este trabajo artesano que hacen las mujeres, y eso es algo que me quedó grabado en la mente".

"Para alguien como yo, que he nacido en una aldea de pocos habitantes, la acogida de una villa pequeña es, si no lo más, tan importante como ser recibida en una gran ciudad o una gran capital", engadiu.

Agradeceu o recoñecemento e deu as "gracias por formar parte de Camariñas para el resto de mi vida".

Luz Casal na sesión plenaria na que foi distinguida como Filla Adoptiva de Camariñas.

Luz Casal na sesión plenaria na que foi distinguida como Filla Adoptiva de Camariñas. / Cedida

O acto rematou coa entrega dun cadro conmemorativo e a imposición da Medalla de Filla Adoptiva de Camariñas, por parte da alcaldesa. Luz Casal dixo sentirse "moi agradecida" por esta distinción e anunciou que vai levar a medalla ao concerto da Coruña, o vindeiro sábado, 1 de agosto, onde tamén interpretará a canción Camariñas.

Artista e veciños cantaron 'Camariñas'

A emoción subiu de nivel cando os recoñecidos músicos Fran Barcia e Budiño puxeron a banda sonora perfecta ao acto. Ambos os artistas interpretaron a emblemática peza Camariñas en directo, sumándose á súa interpretación a propia Luz Casal, fundindo a súa voz nunha aperta coa veciñanza presente.

Con este nomeamento, Camariñas reafirma que, máis alá dos títulos oficiais que marca o Regulamento de Honras, "Luz Casal xa era da nosa familia dende hai moito tempo".

Tracking Pixel Contents