A ONCE presenta en Padrón o primeiro cupón dedicado á Festa do Pemento
O sorteo deste sábado 1 de agosto porá en circulación cinco millóns e medio de boletos, levando a emblemática celebración padronesa por toda España

José Antonio Riveiro Canoso, esquerda, e Anxo Arca, na presentación do cupón. / Cedida
A Festa do Pemento de Herbón será protagonista en toda España da man da ONCE. Coincidindo coa celebración gastronómica padronesa, o cupón do sorteo deste sábado, 1 de agosto, estará dedicado a esta cita declarada de Interese Turístico de Galicia, cunha tirada de cinco millóns e medio de boletos que difundirán a imaxe do produto máis emblemático de Padrón por todo o territorio estatal.
A presentación oficial do cupón tivo lugar este mércores na casa consistorial nun acto no que participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o director da Axencia da ONCE en Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro Canoso; a presidenta da Cooperativa A Pementeira, Milagros González Refojo; a promotora comercial da ONCE María Jesús Castro Suárez e as persoas traballadoras da ONCE Juan Carlos Couto, Ángela Sánchez Domínguez e Ángel Souto Cordo.

Anxo Arca, no centro, con José Antonio Riveiro Canoso, Milagros González Refojo, María Jesús Castro Suárez, Juan Carlos Couto, Ángela Sánchez Domínguez e Ángel Souto Cordo. / Cedida
Durante o acto, Anxo Arca agradeceu á ONCE que "volva mirar cara a Padrón para dar a coñecer un dos nosos maiores símbolos gastronómicos e culturais".
O rexedor destacou que "cinco millóns e medio de cupóns percorrerán España levando o nome de Herbón e de Padrón, contribuíndo a promocionar unha festa que cada ano reúne a milleiros de persoas ao redor dun produto único e dunha tradición profundamente vencellada á nosa historia".
Pola súa banda, José Antonio Riveiro subliñou a satisfacción da ONCE por colaborar na difusión dunha celebración tan representativa de Galicia. "Queremos animar a toda España a coñecer e gozar da Festa do Pemento de Herbón, unha cita que pon en valor un produto de extraordinaria calidade e unha tradición moi arraigada", sinalou.
A presentación deste cupón conmemorativo serviu tamén para poñer en valor o labor dos vendedores e vendedoras da ONCE no municipio. Así, o Concello fixo un recoñecemento especial aos profesionais que desenvolven habitualmente o seu traballo en Padrón, como Pilar Mosquera e José Ramón Eiras —que venderán os cupóns o propio día da festa—, e David Vázquez Perol e Eliseo Rey Garrido, actualmente de vacacións e substituídos por Ángela e Ángel.

O cupón do sorteo deste sábado terá unha tirada de cinco millóns e medio de boletos. / Cedida
A Festa do Pemento, que se celebra desde 1978 na carballeira do convento franciscano, constitúe unha das citas gastronómicas máis importantes do calendario festivo galego. A parroquia de Herbón é a principal produtora dos recoñecidos pementos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Herbón, famosos dentro e fóra de Galicia polo coñecido dito popular: "Os pementos de Padrón, uns pican e outros non".
A segunda vez que a ONCE se une a unha festa en Padrón
Esta é a segunda ocasión na que a ONCE dedica un dos seus cupóns a unha das grandes celebracións de Padrón, despois de que en 2024 fixese o propio coas Festas da Pascua. Ademais, a organización tamén homenaxeou hai xusto unha década o municipio coincidindo co centenario do nacemento de Camilo José Cela, no ano 2016.
O Cupón Fin de Semana da ONCE ofrece cada sábado e domingo un premio principal de 300.000 euros, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos, ademais doutros importantes premios.
Precisamente a fortuna sorriu recentemente a Padrón, xa que durante a pasada fin de semana das festas do Santiaguiño do Monte, este sorteo deixou no municipio máis de 1,6 millóns de euros en premios.
Agora, coa imaxe da Festa do Pemento como protagonista do boleto deste sábado, a ONCE e o Concello agardan que a sorte volva facer parada na vila.
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Las 5 playas fluviales cerca de Santiago que se están convirtiendo en el refugio perfecto para escapar del calor
- Prisión provisional sin fianza para el detenido por el atropello mortal de Bertamiráns
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima