Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CARBALLO

Sol x Ciencia chega a Razo para desvelar os segredos da eclipse solar

Dous expertos ofrecerán pautas prácticas para comprender o fenómeno astronómico

Relatorio de César González García, do CSIC, en Baldaio.

Relatorio de César González García, do CSIC, en Baldaio. / C. C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Sol x Ciencia, o programa de divulgación científica deseñado polo Concello de Carballo para dotar á cidadanía de ferramentas de análise, rigor e coñecemento seguro coa vista posta na histórica eclipse do vindeiro 12 de agosto, chega hoxe a Razo, despois do éxito da primeira xornada do ciclo, celebrada no Camping Baldaio coas intervencións de Isabel Lema Gesto (USC) e César González García (CSIC).

Así, este mércores ás 20.30 horas o Terra Bar de Razo acollerá dous novos relatorios. Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica e Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Mecánica Celeste, presentará o relatorio Cando un aliñamento dos astros non é suficiente.

Abordará o fenómeno dende un punto de vista matemático e físico, desvelando os complexos cálculos, as órbitas e as variables xeométricas exactas que fan posible que a Lúa oculte o Sol.

Cartel promocional da xornada de SolxCiencia en Razo.

Cartel promocional da xornada de SolxCiencia en Razo. / Cedida

Pola súa banda, Borja Tosar, astrofísico, divulgador científico e comunicador habitual en medios de comunicación, e especialista na divulgación da astronomía observacional e a exploración espacial, guiará ao público nos aspectos clave, curiosidades e pautas prácticas para entender e gozar visualmente dun evento astronómico único que tardará décadas en repetirse.

O programa SolxCiencia, inspirado no modelo de democratización da ciencia do festival Pint of Science, traslada o debate científico fóra dos laboratorios.

O propio nome da campaña sintetiza este espírito: por un lado, a maxia do solpor (hora na que darán comezo as sesións); polo outro, a "x", que representa a variable, a incógnita matemática e o método de procura de respostas que define á ciencia.

Comportamento do sistema solar

As sesións —enmarcadas na European Researchers' Night— abordarán o comportamento do noso sistema solar e os seus efectos sobre a Terra a través de diversas disciplinas científicas.

O desenvolvemento é moi semellante ao do festival de maio, con dúas charlas breves e accesibles en cada xornada, xogos e sorteos, nun ambiente distendido como é o do bar.

Este ciclo forma parte do Proxecto Talento km0 (TALK0), coordinado pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo co financiamento da Unión Europea.

Cun enfoque rigoroso pero accesible, Sol x Ciencia reivindica o rigor científico e o pensamento crítico como ferramentas clave para que a poboación poida comprender, gozar e documentar de forma segura a eclipse solar.

Novas propostas para agosto

Ademais, dende a organización anúnciase que Sol x Ciencia continuará durante o mes de agosto con novas propostas e actividades arredor do fenómeno astronómico e doutros campos da ciencia.

Tracking Pixel Contents