Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Inchadiña Branca Vela, a Padrón dende Rianxo con Rosalía na lembranza

Máis de trinta embarcacións remontarán o Ulla e o Sar conmemorando á poetisa

30 embarcacións renderán homenaxe a Rosalía de Castro

30 embarcacións renderán homenaxe a Rosalía de Castro / Casa de Rosalía

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Todas as homenaxes a Rosalía serán poucas. O sábado 1 de agosto, trinta embarcacións tradicionais de toda Galicia homenaxearán á poetisa do Sar na Inchadiña Branca Vela. Algúns barcos partirán dende o porto Rianxo ás 10.30 horas, mentres que outros uniranse a eles na praia fluvial de Vilarello, en Valga, ás 16.30 horas.

Diferentes tipos de embarcacións remontarán o río Ulla e, posteriormente, o río Sar para lembrar a Rosalía de Castro cun fermoso despregamento de velas no paseo do Espolón, na vila de Padrón, aproximadamente ás 18.00 horas.

Na travesía participarán máis de 20 dornas de diferentes tipos como polbeiras, de tope e xeiteiras. Complementarán a comitiva unha buceta, un bote de Noia, unha gamela da Guarda, unha traíña, un galeón do Ulla e o colosal volanteiro da Guarda, cun velame dedicado a Rosalía, a nosa voz máis universal. A programación incluirá tamén actividades culturais na xornada previa. Así, o venres 31 de xullo, terá lugar no Pazo de Martelo de Rianxo a presentación da revista Ardentía ás 20.00 horas, como complemento da Inchadiña Branca Vela. Esta revista galega de cultura marítima e fluvial conta coa participación de Emilio Xosé Insua, Antón Mascato, Manuel Lara e Rosa M. Fernández.

A presentación

Esta edición da Inchadiña foi presentada na Casa de Rosalía polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, acompañado pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e polos alcaldes dos concellos colaboradores: Anxo Arca (Padrón), Xabier Castro (Dodro) e Julián Bustelo (Rianxo), ademais da concelleira de Turismo de Valga, Malena Isorna. A iniciativa está promovida pola Fundación Rosalía de Castro e pola A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Rianxo, de Catoira, de Dodro, de Rianxo e de Valga.

Orixe desta tradición

Esta actividade celebrouse por primeira vez no ano 2023, para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. A iniciativa xurdiu co obxectivo e recuperar a imaxe das dornas que Rosalía inmortalizou nos seus versos mentres remontaban o Ulla, unha imaxe moi habitual no século XIX, cando este río era unha importante vía de comunicación e comercio. A Fundación Rosalía de Castro propúxolle á Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa da Arousa renderlle homenaxe a Rosalía de Castro desde o mar, desde a súa cultura e a súa xente. O fotógrafo Eduardo Rivo plasmou a historia desta tradición nun libro co mesmo nome, Inchadiña Branca Vela, no que, mediante 104 fotografías, documenta en escala de grises varias das edicións da travesía rosaliana.

Rosalía reflexou esta imaxe nos seus Cantares da que, por aquel entón, aínda era a ría de Padrón:

¡Que inchadiña branca vela


antre os millos corre soa,


misteriosa pura estrela!


Dille o vento en torno dela:


«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»


Tracking Pixel Contents