Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A investigación histórica ten nome propio: Natalia Jorge acada un dobre premio sen precedentes

Foi galardoada cos Premios de Investigación Xesús Ferro Couselo

Nunca antes unha mesma persoa gañara as dúas modalidades na mesma edición

Natalia Jorge Pereiro, gañadora do premio Ferro Couselo

Natalia Jorge Pereiro, gañadora do premio Ferro Couselo / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Por primeira vez desde a creación do certame, unha mesma investigadora monopolizou o seu palmarés. A historiadora Natalia Jorge Pereira (Tomiño, 1982) é a gañadora das dúas modalidades do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Nas vinte e sete edicións celebradas desta entrega de premios, nunca antes sucedera que a mesma persoa gañase nas dúas modalidades do galardón.

Fíxose co premio da primeira modalidade, dotada cunha bolsa de 4.000 euros, grazas á súa obra "Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando do Miño". Este traballo afonda no fenómeno do comercio ilegal na Raia do Miño durante a década de 1940, ofrecendo unha radiografía das mercadorías, os lugares e as persoas detidas polas forzas de vixianza. Ademais, nesta obra analiza o que supuñan para a Raia as políticas dictatoriais dos réximes de Franco e Salazar, a resposta da poboación e o papel desta zona contrabandística no contexto da Segunda Guerra Mundial. O amplo traballo de historia oral realizado durante a investigación foi o principal aspecto destacado polo xurado á hora de entregar o galardón.

A súa segunda proposta, que lle valeu para facerse co premio da segunda modalidade e un pago de 3.000 euros, titúlase "Fame na Valga da posguerra? Análise histórica dun concello rural durante a autarquía (1939-1952)". A elección desta zona para o análise histórico débese a varios condicionantes comparativos coon outras zonas de Galicia. Valga, na época, foi un concello rural carente dun núcleo urbano no seu entorno máis inmediato, cunha base social de pequenos labregos propietarios nun contexto de economía de subsistencia baseada na agricultura e na gandería. O obxectivo da investigación foi descubrir ata onde chegou a fame nesta época e como foi afrontada pola poboación do interior rural pontevedrés.

A galardoada

Natalia Jorge é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Publicou a tese "Actitudes e comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira ante as ditaturas de Franco e Salazar na década de 1940”. Especializouse no estudo de zonas fronteirizas, contrabando e as identidades galego-portuguesas na zona do Miño. Non é a primeira vez que gaña un premio destas características, xa foi galardoada co premio Xohana Torres co traballo “Formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño".

O xurado

Os encargados de entregar estes dous premios na XXVII edición do Premio Xesús Ferro Couselo foron: Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago, onde é mestra de Historia Contemporánea e membro do grupo de investigación “Histagra”; e Fátima Braña Rey, profesora de Antropoloxía Social na Universidade de Vigo.

Reuníronse o pasado día 28 na Casa do Concello de Valga, acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez e a técnica municipal Vanessa Losada. A entrega do premio coincidiu co 120 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

Tracking Pixel Contents