MEDIO AMBIENTE
O BNG urxe ao Goberno a coordinar coa Xunta e o Concello medidas urxentes para salvar a lagoa de Baldaio
A veciñanza volve mobilizarse o 7 de agosto para esixir a apertura inmediata da canle da ría

Canle de desaugadoiro da lagoa, totalmente pechada pola acumulación de area. / Cedida
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa para urxir ao Ministerio de Transición Ecolóxica a coordinar coa Xunta e co Concello de Carballo medidas urxentes destinadas a salvar a lagoa de Baldaio que se encontra nunha situación de "emerxencia ambiental".
Rego traslada ao Goberno "o estado de enorme deterioro no que se encontra actualmente a lagoa de Baldaio, unha zona de grande valor ambiental incluída na Rede Natura e lugar de esparexemento e lecer, un problema que levou á mobilización dos veciños e veciñas do municipio".
"A emerxencia ambiental ven causada polo fechamento total da canle que comunica a lagoa co mar desde o pasado mes de maio debido á acumulación de sedimentos, o que impide o ciclo normal da auga intermareal e provoca un estancamento que acelera os procesos de eutrofización e falta de oxíxeno, así como a perda de salinidade do espazo coa conseguinte aparición de peixes mortos, cambio de cor da auga, infestacións de insectos e malos cheiros", explica o parlamentar do BNG.
Consecuencias para o marisqueo, o turismo e benestar da veciñanza
Alerta tamén ao Executivo sobre as consecuencias que a perda de biodiversidade ten para a actividade marisqueira que aínda sofre os efectos dos temporais. Un problema con máis derivadas posto que afecta asemade ao potencial turístico, sobre todo nesta datas de verán, e nas condicións de vida da veciñanza.
A prioridade é salvar a lagoa de Baldaio
Néstor Rego pon de manifesto que o Concello de Carballo ten trasladado en diversas ocasións esta situación á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta coa que mantivo unha xuntanza en decembro pasado, "mais nada se fixo". Hai que ter presente que o sistema costeiro de Baldaio mostra desde hai anos unha grande inestabilidade debido á dinámica da area de bocana, que xa obrigou o ano pasado a facer unha intervención de emerxencia.
Alteración das correntes e afluencia de auga
O portavoz do BNG no Congreso alude aos informes da Xunta que non recomendan as aperturas mecánicas periódicas dado que poderían afectar negativamente ao estado da zona húmida, mais, recalca, "isto contrasta co feito de que a situación actual é consecuencia, precisamente, da actuación humana que alterou as correntes e afluencia de auga".
O BNG exixe que se actúe para recuperar o ciclo natural da lagoa desde o respecto ao medio ambiente, con medidas sustentábeis e coordenadas polas distintas administracións. Neste sentido, unha das preguntas que fai ao Goberno é para coñecer se foron iniciados os contactos para abordar conxuntamente o problema e analizar as posíbeis solucións.
Nova concentración veciñal
Pola súa banda, a Comisión Noicela: SOS Ría de Baldaio, impulsada pola veciñanza, convocou unha nova concentración nas inmediacións da ponte para o venres, día 7 de agosto, ás 20.30 horas.
O colectivo asegura que "despois das noticias destes días nos xornais e nas redes sociais, queda claro que a situación da nosa ría xa non aguanta máis. Leva dende o mes de maio coa canle tapada por completo e estamos ante unha auténtica emerxencia ambiental e sanitaria: mortandade de peixes e marisco, augas estancadas, falta de osíxeno, cheiros insoportables e unha praga insostible de mosquitos que está a afectar de cheo á calidade de vida de toda a veciñanza".
Críticas ás administracións
Sinalan ademais que "mentres a ría afoga e os veciños sofren as consecuencias, o xogo da pataca quente entre administracións roza o absurdo". Na última xuntanza en Santiago, engaden, "Patrimonio Natural (Medio Ambiente) lavouse as mans e tiroulle a pelota á Consellería do Mar, que nin sequera estaba sentada na mesa".

Cartel da convocatoria dunha nova concentración veciñal en Baldaio. / Cedida
A veciñanza pregúntase "canto máis van agardar? A burocracia e as escusas de despacho non van salvar a lagoa. Precísase unha actuación de urxencia e a apertura da canle xa!".
Aos que desexen sumarse á concentración pídenlles que leven "unha pá de xoguete e, sobre todo, ganas de facer ruído. Imos amosar de forma simbólica e pacífica que mentres eles se pasan a pelota duns a outros, a veciñanza non se vai calar. Se Baldaio morre, morre a nosa costa", conclúen.
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto