ENCONTROS
Observar o sol con seguridade e coñecer o pasado climático, ciencia para o verán en Carballo
Catro investigadoras locais achegarán actividades adaptadas á rapazada dos campamentos

A profesora de Astronomía da USC Begoña Nicolás Ávila no encontro de Razo. / Cedida
A ciencia veranea en Carballo. As actividades de divulgación continúan en agosto cun programa para todas as idades e en escenarios como o mercado municipal, os campamentos infantís de verán ou o Balneario.
A programación de agosto comezará o luns 3 no mercado municipal cunha actividade dirixida ao público infantil e familiar. Ás 19.00 e ás 19.45 horas celebraranse dous obradoiros de construción de caixas estenopeicas para que os nenos e nenas, a partir de 6 anos, aprendan a observar a eclipse de xeito seguro. Haberá 15 prazas por quenda e será preciso inscribirse previamente a través da páxina web municipal, carballo.gal.
A xornada continuará ás 20.30 horas, na cafetería Mercado, cunha charla de Óscar Blanco Varela, director do Centro Astronómico Trevinca, astrofotógrafo e divulgador especializado na observación do firmamento.
As investigadoras carballesas van de campamento
O venres 7 de agosto, a divulgación científica trasladarase aos campamentos infantís. Baixo o título As investigadoras carballesas van de campamento, desenvolveranse actividades científicas adaptadas á rapazada coa participación de catro profesionais vinculadas a ámbitos moi diferentes do coñecemento: Xanel Vecino Bello, María Gómez Brandón, María Andrade Suárez e Olalla Rama García.
Xanel Vecino é doutora en Enxeñaría Química e investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Vigo. A súa actividade céntrase na economía circular e na transformación sostible de residuos e materias primas secundarias para obter produtos de valor engadido.

O concelleiro, Miguel Vales, segundo esquerda, con participantes no encontro de Razo. / Cedida
María Gómez Brandón investiga no campo da ecoloxía do solo e na valorización e bioconversión de residuos orgánicos, tamén na Universidade de Vigo, mentres que María Andrade é doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña e está especializada en socioloxía urbana, cultura, políticas culturais e estudos territoriais.
Completa o grupo Olalla Rama, enxeñeira e especialista en ciberseguridade, con experiencia como consultora en contornas críticas e na divulgación de boas prácticas para protexer a información e facer un uso máis seguro da tecnoloxía.
A actividade permitirá que os nenos e nenas coñezan referentes científicos próximos, descubran diferentes profesións e aprendan mediante demostracións, xogos e experiencias adaptadas ás súas idades.
Do espazo ao pasado climático da Terra
A programación pecharase o xoves 13, a partir das 20.30 horas, cunha nova edición de SolxCiencia na cafetería do Balneario de Carballo. Nesta ocasión participarán Ana Cambón Periscal e Uxía Fernández Pérez, que ofrecerán unha viaxe científica desde o espazo ata o pasado máis remoto do planeta.
Ana Cambón formouse en Enxeñaría Aeroespacial e traballa como controladora da misión Sentinel-3, vinculada ao programa europeo de observación da Terra Copernicus, nas instalacións de EUMETSAT en Alemaña. A súa intervención permitirá achegar ao público o funcionamento das misións espaciais e o traballo que existe detrás da operación e seguimento dun satélite.
Uxía Fernández é investigadora do grupo GRICA-BIOpast da Universidade da Coruña, dedicado ao estudo do cambio ambiental e da paleobioloxía. A través das evidencias conservadas na natureza, este grupo investiga como eran os ecosistemas e o clima do pasado e como esa información pode axudarnos a comprender os cambios ambientais actuais.
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto