Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PRESENTACIÓN

Ames lanza Xente Nova XEA para implicar a mocidade na dinamización do comercio e a hostalaría

O evento combina lecer, participación, unha xincana urbana e retos nas redes sociais

O alcalde e o director xeral de Comercio, no centro, cos directivos de XEA.

O alcalde e o director xeral de Comercio, no centro, cos directivos de XEA. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Ames

A Asociación de Empresarios de Ames (XEA), coa colaboración do Concello de Ames, a Xunta de Galicia e Comercio Galego, presenta Xente Nova XEA, unha iniciativa pioneira dirixida á mocidade que combina lecer, participación e dinamización do comercio e da hostalaría locais.

A cita é o sábado 5 de setembro, de 16.30 a 21.00 horas, e rematará cunha gran festa final con sesión Dj e a entrega de premios.

Cartel promocional de Xente Nova XEA.

Cartel promocional de Xente Nova XEA. / Cedida

Baixo o lema 050926, estás preparadx?, o evento propón unha gran xincana urbana na que as peñas participantes percorrerán distintos establecementos do municipio superando probas, retos e dinámicas deseñadas para descubrir dunha maneira divertida e participativa a ampla oferta comercial e hostaleira de Ames. Tamén haberá probas e xogos fixos que formarán parte da puntuación total.

O alcalde, o director xeral de Comercio e representantes de XEA nun establecemento da localidade.

O alcalde, o director xeral de Comercio e representantes de XEA nun establecemento da localidade. / Cedida

No acto de presentación participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Comercio, Ana Belén Paz; o presidente da asociación XEA, Ramón Cordido; a xerente, Bea López, e Jorge López e Lucía Pego, membros da directiva.

"Con Xente Nova XEA queremos achegar a mocidade ao comercio e á hostalaría de Ames dunha forma diferente, participativa e divertida. Cremos que o comercio local tamén pode ser un espazo de encontro, creatividade e experiencias compartidas", afirmou Ramón Cordido.

"Esta iniciativa nace coa vontade de crear vínculos entre as novas xeracións e o tecido empresarial, poñendo en valor o consumo de proximidade e demostrando que, cando traballamos xuntos, podemos construír un municipio máis dinámico, atractivo e con máis oportunidades para todos", engadiu.

A actividade está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, que participarán formando peñas de entre 6 e 10 integrantes. A inscrición é totalmente gratuíta e a organización prevé a participación dun máximo de 12 a 15 peñas, co obxectivo de garantir unha experiencia dinámica.

Unha aposta pola creatividade e as redes sociais

Como parte da competición, cada peña deberá elaborar un reel para Instagram no que promocione de forma creativa o comercio, a hostalaría de Ames. Esta creación audiovisual formará parte da puntuación final da xincana e premiará tanto o alcance acadado nas redes sociais como a creatividade, a integración dos establecementos participantes e a capacidade para transmitir unha imaxe positiva do municipio e do seu tecido empresarial.

Premios para consumir no comercio local

A organización repartirá premios por valor de 1.100 euros entre as tres peñas mellor clasificadas: 600 € para a primeira clasificada, 300 para a segunda e 200 para a terceira, mediante bonos para consumir nos establecementos asociados á XEA.

Ademais, realizarase o sorteo de dous bonos adicionais de 50 euros a través da conta de Instagram da asociación.

Con Xente Nova XEA, a Asociación de Empresarios de Ames busca "implicar a mocidade na vida económica e social do municipio, promovendo un consumo de proximidade, fomentando o coñecemento do tecido empresarial local e fortalecendo o vínculo entre as novas xeracións e os negocios locais".

Nace con vocación de consolidarse no tempo

A iniciativa nace coa vocación de converterse nun evento de referencia no calendario local, demostrando que o comercio de proximidade tamén pode ser escenario de experiencias innovadoras, participativas e atractivas para a xuventude.

"Xente Nova XEA non é só unha actividade puntual, senón o punto de partida dun novo espazo de participación que a Asociación de Empresarios de Ames quere abrir á mocidade.

A través desta iniciativa, XEA pretende "incorporar a visión, a creatividade e a implicación das novas xeracións na vida económica e social do municipio, creando unha liña de traballo estable dirixida á xuventude".

As inscricións poden realizarse a través do formulario habilitado pola organización ata completar as prazas dispoñibles.

O prazo de inscrición abre hoxe 30 de xullo e pecharase unha vez cubertas as 12/15 peñas participantes. A cifra dependerá do número total de persoas inscritas. Informarase do peche das inscricións a través das redes sociais de XEA.

TEMAS

Tracking Pixel Contents