Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bustelo destaca a residencia de maiores, o centro de día e un orzamento histórico entre os fitos do curso político en Rianxo

O alcalde fai balance do último ano de xestión e salienta investimentos en servizos públicos, abastecemento, saneamento, rehabilitación de edificios municipais e a renovación da iluminación do concello

Julián Bustelo, alcalde de Rianxo.

Julián Bustelo, alcalde de Rianxo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Rianxo

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, fai un balance positivo do curso político que vén de rematar ao fronte do goberno en minoría que lidera Rianxo en Común e destaca unha serie de actuacións que, sostén, marcan "avances moi importantes para o presente e o futuro do municipio".

Un dos fitos máis recentes foi a aprobación da primeira Relación de Postos de Traballo do Concello de Rianxo, unha ferramenta coa que se pretende ordenar a estrutura municipal, definir funcións e responsabilidades e adaptar a organización administrativa ás necesidades actuais.

Outro dos puntos destacados foi a aprobación, no mes de marzo, do orzamento municipal máis elevado da historia do Concello, con máis de 12 millóns de euros, unhas contas que, segundo o rexedor, permiten consolidar programas iniciados ao comezo da lexislatura.

No ámbito social, Bustelo puxo o foco na futura residencia de maiores de Rianxo. O Concello aprobou en abril a cesión á Deputación da Coruña dunha parcela municipal para construír o centro e, esta mesma semana, o pleno provincial deu luz verde ao convenio de cooperación para executar as obras e poñer en marcha o servizo.

A atención ás persoas maiores complétase co proxecto de reforma do Pazo de Rianxiño para convertelo nun centro de día. A actuación xa conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co compromiso da Deputación da Coruña para cofinanciar as obras.

Máis dun millón de euros para mellorar os servizos nas parroquias

O alcalde tamén fixo fincapé no investimento de máis dun millón de euros destinado á mellora de infraestruturas e servizos públicos en todas as parroquias do municipio.

Entre as actuacións destacan a renovación do firme do vial de acceso ao Montiño desde a DP-7203, en Taragoña, cun investimento de 102.952 euros; a renovación do vial entre os núcleos da Atalaia e Santa Lucía, en Asados, por 65.006 euros; a ampliación das redes de abastecemento e saneamento en Meiquiz e Or, na parroquia de Leiro, por 208.785 euros; a ampliación destas mesmas redes en Villanustre, en Asados, con 197.582 euros; a segunda fase das obras de abastecemento e saneamento en Vilas, tamén en Asados, cun investimento de 194.386 euros; a ampliación da rede de saneamento en Tronco, en Rianxo, por 208.785 euros, e a ampliación da rede de abastecemento de auga entre Corques e Outeiro, en Taragoña, por 90.713 euros.

A estes proxectos súmanse os aprobados en xaneiro para ampliar a rede municipal de abastecemento entre Ourolo e A Burata, en Taragoña, e entre Pousada e Os Xens, no Araño, cun investimento conxunto de 367.174 euros.

Rehabilitación de edificios e renovación da iluminación

No balance tamén ocupan un lugar destacado as actuacións de rehabilitación e eficiencia enerxética levadas a cabo en diferentes instalacións municipais, entre elas o campo de fútbol da Lomba, o Cuartel Vello, o Museo do Mar e as oficinas de Servizos Sociais.

A estas intervencións engádese a recente licitación dun proxecto dotado con medio millón de euros para renovar completamente o sistema de iluminación da vila de Rianxo.

Outro dos investimentos salientados polo alcalde afecta ao paseo marítimo, onde xa se completou a renovación da iluminación e quedaron aprobados os proxectos para substituír o firme. En conxunto, o Concello prevé destinar a esta infraestrutura preto de 600.000 euros.

Tras facer este repaso das principais actuacións desenvolvidas ao longo do último ano, Julián Bustelo sinala que agosto será un mes intenso en actividades no municipio e avanza que o Goberno local afrontará os próximos meses con novos proxectos e cambios para continuar desenvolvendo actuacións en distintos ámbitos.

TEMAS

Tracking Pixel Contents