Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Deputación destina 1,7 millóns a mellorar 8,5 km de vías en Muxía, Dumbría, Ordes e Vimianzo

Na zona da Costa da Morte renovarase o firme entre a AC-552 e Vilarmide e entre Caxadas e Baíñas

Acondicionarase o acceso a Poulo e prolongarase a senda peonil dende o centro urbano ordense ata A Calle

O presidente da Deputación, Valentín González, en primeiro plano, na sesión plenaria deste venres.

O presidente da Deputación, Valentín González, en primeiro plano, na sesión plenaria deste venres. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres por unanimidade o proxecto de mellora da capa de rodaxe na estrada provincial DP-3403, no tramo que vai dende a AC-552 ata Vilarmide por Senande. Trátase dun treito de 3,7 quilómetros que discorre polos termos municipais de Dumbría e Muxía. As obras contarán cun investimento total de 492.627,64 euros. 

A intervención ten como obxectivo principal reforzar a seguridade viaria e mellorar a comodidade e o tránsito dos usuarios que circulan por esta vía.

Para iso, proxéctase o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en todo o ancho da plataforma da estrada, xunto co fresado e a reposición do pavimento en todas aquelas zonas que presenten blandóns.  

De xeito previo ás tarefas de pavimentación, executaranse traballos de preparación da vía que inclúen o desbroce das marxes, a limpeza das beirarrúas e beiras, e a apertura e perfilado das cunetas para garantir a correcta drenaxe da auga da chuvia.  

O proxecto completa as súas actuacións coa renovación e reposición da sinalización horizontal, pintando de novo os eixes, bordos e inscricións, ademais da adecuación e actualización dos elementos de sinalización vertical, balizamento e defensas de seguridade.  

Unha vez asignadas as obras e asinado o acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de execución de cinco meses para a finalización dos traballos.

Redes de saneamento e abastecemento de auga

Por outra banda, o pleno da Deputación deu luz verde tamén por unanimidade á intervención de mellora na estrada provincial DP-5905, que dá acceso ao núcleo de Poulo, no concello de Ordes, dende a DP-3802.

O proxecto contempla a execución dunha senda peonil para separar o tráfico rodado dos viandantes e a instalación de redes municipais de saneamento e abastecemento de auga. 

A obra desenvolverase nun treito de 1,3 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0 e 1+300, dando continuidade ao itinerario peonil existente dende o centro urbano de Ordes ata A Calle.

O orzamento total da actuación ascende a 926.816,10 euros e o prazo de execución esténdese 6 meses dende o inicio dos traballos.

En concreto, a creación da senda peonil será financiada integramente pola Deputación, cun investimento de 785.869,04 euros, mentres que a dotación das infraestruturas de saneamento e abastecemento será custeada polo Concello con 156.974,36 euros

As obras proxectadas inclúen a construción dunha senda peonil de dous metros de ancho con acabado en formigón coloreado, a execución de cunetas transitables de seguridade, a canalización de augas pluviais e o estendido dunha nova capa de rodadura bituminosa co posterior repintado das marcas viarias.

No tramo central da vía, nun treito de aproximadamente 200 metros, atravesado polo Camiño de Santiago, proxéctase unha plataforma única reforzada con franxas de lousas de pedra granítica e acabados especiais para integrarse na contorna.

Obxectivo: garantir unha circulación máis fluída

Igualmente, a institución provincial aprobou por unanimidade o proxecto para a renovación da capa de rodaxe na estrada provincial DP-9203, que conecta as localidades de Caxadas e Baíñas, no termo municipal de Vimianzo.

Esta nova intervención contará cun investimento total de 442.900,52 euros e centrarase en actuar sobre dous tramos da vía que suman máis de tres quilómetros e medio de lonxitude, concretamente os comprendidos entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+200, e do 4+800 ao 6+130. 

O obxectivo principal desta obra é acondicionar a superficie de rodaxe para garantir unha circulación máis fluída, cómoda e segura para toda a veciñanza e os condutores que empregan habitualmente esta estrada.

Os traballos previstos consistirán no estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor en todo o ancho da plataforma da estrada, así como no fresado e a posterior reposición do firme en todas aquelas zonas que presenten blandóns ou deterioro estrutural. 

De forma previa ás labores de pavimentación, faranse traballos adicionais como o desbroce da vexetación, a limpeza das beirarrúas e beiras, e a apertura e perfilado das cunetas co fin de asegurar a correcta evacuación das augas pluviais.

O proxecto completarase cunha intervención integral na seguridade viaria, que contempla a renovación e repintado da sinalización horizontal no eixo, bordos e inscricións, xunto coa actualización da sinalización vertical, os elementos de balizamento e as liñas de defensa.

Unha vez asinado o acta de comprobación do replanteo, as obras contarán cun prazo de execución de cinco meses.

A alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial Mónica Rodríguez, durante a súa intervención no pleno da Deputación.

A alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial Mónica Rodríguez, durante a súa intervención no pleno da Deputación. / Cedida

A alcaldesa de Vimianzo e deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dunha mellora "moi necesaria nun dos principais viarios provinciais do municipio e nunha conexión estratéxica para as comunicacións de Vimianzo cara a Santiago". 

Preto de 2 millóns de euros nos últimos anos

Este novo investimento súmase aos traballos de renovación integral xa completados con anterioridade nesta mesma estrada DP-9203, nos que se investiron máis de 1,5 millóns de euros. Deste xeito, nos dous últimos anos investíronse preto de dous millóns de euros nesta estrada provincial.  

Aquela actuación supuxo un antes e un despois para a seguridade da zona ao eliminar a sinuosa e perigosa travesía do núcleo de Padreiro mediante a construción dunha nova variante, a creación dunha senda peonil accesible de case dous quilómetros de lonxitude para protexer os peóns e a construción duna nova ponte sobre o río Castro.

Casa de Acompañamento a Persoas Maiores de Rianxo

Por outra banda, o pleno aprobou tamén por unanimidade de todas as forzas políticas o convenio de cooperación co Concello de Rianxo que permitirá a cesión de terreos, a construción e a posterior posta en funcionamento da nova Casa de Acompañamento a Persoas Maiores nese municipio.

Con este respaldo plenario a institución provincial e o municipio barbanzán consolidan a súa alianza para poñer en marcha os trámites de creación dun novo modelo residencial público centrado na atención integral e humanizada das persoas maiores. 

A futura Casa de Acompañamento de Rianxo erguerase nunha parcela municipal de máis de 6.000 metros cadrados situada na rúa Rianxiño, a carón do IES Félix Muriel e valorada en máis dun millón de euros.

A través do convenio, o Concello de Rianxo cede gratuitamente o pleno dominio do terreo. Pola súa banda, a Deputación da Coruña asumirá a titularidade provincial do servizo público e financiará e executará tanto as obras de construción como o equipamento integral do centro.

Novo modelo residencial

A iniciativa forma parte do plan provincial para dotar á provincia de residencias de proximidade inspiradas en modelos europeos de quinta xeración, orientados a evitar o desarraigo e garantir un entorno o máis semellante posible a un fogar.  

O proxecto piloto contempla, ademáis da CAM de Rianxo, a execución doutros dous centros baseados neste novo modelo residencial nos municipios de As Pontes e Ordes.  

O centro prevé ofrecer 59 prazas repartidas en catro unidades convivenciais con cociña, salón e espazos comúns, complementadas con servizos de atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional, fisioterapia e tecnoloxías avanzadas para a seguridade e o confort dos usuarios.

Tracking Pixel Contents