Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Jose Manuel Dacosta, pregoeiro no Milladoiro: "O máis importante que teño son este club e estes rapaces"

Leva 19 anos vinculado coa SD Milladoiro e actualmente preside o clube

A tempada pasada acadaron o ascenso co Xuvenil A e Xuvenil B

José Manuel Dacosta, presidente da SD Milladoiro, dará o pregón das festas da Madalena

José Manuel Dacosta, presidente da SD Milladoiro, dará o pregón das festas da Madalena / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

O deporte será o gran protagonista do pregón das festas da Madalena deste ano. O Concello de Ames celebrará dous pregóns para as súas dúas celebracións consecutivas en Milladoiro e Bertamiráns e pregoeiro elixido para abrir as celebracións o sábado 1 de agosto é José Manuel Dacosta, presidente da SD Milladoiro. A noticia chegoulle por sorpresa, aínda que recoñece que "é unha honra e un orgullo tanto para min como para o club".

José Manuel, de 65 anos, dedica todas as horas que pode á súa paixón: o seu club. Xestiona 19 equipos nos que xogan un total de 323 nenos e nenas, aínda que recoñece que son os seus coordinadores e adestradores os que "están ao pé do cañón todos os días nos campos de fútbol". A súa vinculación coa SD Milladoiro comeza co seu fillo. José Manuel levábao a adestrar e a xogar e, pouco a pouco, foise involucrando máis co equipo, no que xa leva 19 anos.

O motivo do nomeamento como pregoeiro é o éxito deportivo que acadou como presidente a pasada tempada, pois no Milladoiro puideron celebrar no mesmo día o ascenso dos equipos xuvenís A e B, que se proclamaron campións de liga. En palabras do presidente: "para a vila é superimportante, poder celebrar dous ascensos o mesmo día é algo moi complicado e foi unha alegría moi grande". Un fito histórico para o club obtido tras unha tempada na que o traballo duro demostrou dar os seus froitos: "o crecemento do equipo chega por facer as cousas ben, aínda que nunca se fan ben de todo", bromea o pregoeiro.

A rapazada, o corazón do equipo

José Manuel ten claro o obxectivo do club: "educar aos nenos e ensinarlles a xogar". De feito, o Milladoiro é unha das vilas máis novas de Galicia e unha das que concentra unha maior proporción de nenos e xente nova, para o presidente isto é unha gran vantaxe: "Os rapaces da vila sempre son os que van a sentir máis as cores da camiseta. Viven aquí, pasan aquí os días e xogan aquí cos seus amigos. Para min os rapaces da vila son o prioritario, danlle a vida ao club". Con respecto a isto, a estratexia está clara: "En fútbol 8 todo é aprender, despois xa se lles esixe máis. Para nós iso é a base, educar ben a todos estes rapaces. Así é como chegan os resultados".

O colofón da tempada pasada co dobre ascenso foi, para José Manuel, o momento máis emocionante na súa longa carreira como presidente da SD Milladoiro: "Viñéronme as bágoas aos ollos. Este é un club ao que quero moito". Outro momento que lembra con moito cariño foi o día que saíu elixido presidente, especialmente cando recibeu "o apoio de toda a xente do equipo".

Equipos Xuvenil A e B da SD Milladoiro celebrando o ascenso

Equipos Xuvenil A e B da SD Milladoiro celebrando o ascenso / Concello de Ames

O crecemento do club continúa. Recentemente, hai dous anos, fundaron o primeiro conxunto feminino na categoría senior no concello de Ames. "Aquí hai moitas nenas que merecen as mismas oportunidades para xogar". Con respecto ao futuro, o 'presi' teno claro: "Seguir medrando, intentar gañar un ascenso e lograr a permanencia co Xuvenil. Ademais, gustaríame subir o equipo Senior a Primeira Rexional".

Paixón polo que fai

Para rematar, José Manuel confesa que: "O máis importante que teño agora mesmo é este club e estes rapaces". Admite, emocionado, que o que lle fai seguir adiante é "ver como medran os nenos e ver o seu paso dende cando eran 'biberóns' ata agora, que xa teñen 16 ou 18 anos".

Con case vinte anos de dedicación á SD Milladoiro, José Manuel Dacosta afronta o pregón coa mesma ilusión coa que cada semana pisa os campos de fútbol. Un discurso que será tamén unha homenaxe ao deporte base, ao traballo silencioso de adestradores e familias e, sobre todo, aos centos de rapaces e rapazas que lle dan vida ao club e que representan o futuro dunha vila que medra da man do fútbol.

Tracking Pixel Contents