Festas da Peregrina
Isolina Martínez, pregoeira en Bertamiráns: "Os rapaces do colexio seguen sendo os meus nenos"
A veciña, de 88 anos, é moi coñecida e querida pola xente da vila
Fixo dúas aparicións en televisión cociñando filloas e orellas

Isolina Martínez, veciña de Bertamiráns / S. L. C.
Iker Cotón
Isolina Martínez é a elixida para dar o pregón que pechará as Festas da Peregrina en Bertamiráns o domingo 9 de agosto. Aos seus 88 anos, recibe a noticia con sorpresa, aínda que xa ten experiencia coas citas mediáticas, pois as súas orellas con anís viralizáronse despois de aparecer no programa Hora Galega da TVG. A pesar da importancia que supón este pregón, a veciña de Bertamiráns non está nerviosa en absoluto: "Eu teño moitos anos e xa non me poño nerviosa", di entre risas. Malia todo, admite que nun primeiro momento rexeitou a oferta do pregón cando lla propuxo o presidente da comisión de festas: "Díxenlle que non quería, que buscasen unha máis nova ca min", conta.
Isolina naceu no Rueiro, detrás de onde se atopa actualmente a Cafetería Tropic, no ano 1938. Filla de labregos, sempre desfrutou das Festas da Peregrina: "Estabamos esperando pola festa para levar os estandartes. Para os rapaces e para os maiores eran uns días moi esperados". Acorda moitas noites no campo da festa bailando ao son dos Satélites, da Orquestra Florida de Pontevedra ou da Orquestra Los Trovadores. Hai 24 anos que non vai ao baile. Deixou de acudir tras o falecemento do seu marido, co que casou aos vinte anos, aínda que recoñece que "as festas seguen sendo boas".
Lembra, tamén, o antigo Bertamiráns onde se criou de nena e no que "había poucas casas". É por iso que prefire a situación actual da vila: "Falábao coa miña neta, agora temos moitos comercios e sitios para comer. Hai de todo". Naquel vello Bertamiráns, Isolina traballou no colexio público e os seus 'nenos' aínda recordan o bo trato que recibiron desta veciña que tamén garda un boa lembranza deles: "Aínda que xa creceron moito e teñen fillos, para min seguen sendo os meus nenos".
Con estes nenos (xa adultos) ten unha infinidade de historias. Fala de cando consolou a unha nena despois de atopala chorando por romper unha das persianas do edificio, ou de cando lle arranxou os "zapatóns grandísimos, de home" a un neno de oito anos. Moitos veciños e veciñas de Bertamiráns son testemuñas da bondade de Isolina, que "pasaba todas as tardes coséndolle a roupa a nenos e adultos". "Gastaba moito fío negro e branco", lembra. O certo é que cunha conversa duns poucos minutos coa próxima pregoeira amesá, queda clara a graza natural de Isolina, unha muller vitalista á que lle gusta amañarse e que, confesa, ten un cuarto cheo de roupa, bolsos e zapatos.
Aparición en televisión
Moitos tamén coñeceron a súa especialidade culinaria: as filloas e as orellas. Estas sobremesas típicas galegas levárona á pequena pantalla, facendo aparicións na TVG e no Canal Cocina. Nesta canle culinaria impartiu unha clase maxistral ao chef Julius sobre como facer unhas boas e tradicionais orellas, receita que herdou da súa nai, Dolores, e que contan cun ingrediente esencial: o anís.
Aínda que está moi apegada á súa terra, Isolina viaxou por todo o mundo despois de xubilarse. A súa última viaxe foi ao Xapón, xunto coa súa filla e unha neta. Se ben o país do sol nacente foi o seu último destino, coñeceu os Estados Unidos, Italia, a República Checa, Polonia e moitos máis países.
O domingo, Isolina deixará por uns minutos o papel de espectadora para converterse na voz que despedirá as Festas da Peregrina. Farao rodeada dos seus veciños e veciñas, cos que compartiu toda unha vida de recordos, traballo e celebracións. Un recoñecemento a unha muller que viu medrar Bertamiráns ao tempo que ela mesma pasaba a formar parte da memoria da vila.
- Adiós a otro comercio del casco histórico de Santiago: «Moita xente vén, proba, e logo compra nas plataformas»
- Cristina Pedroche se rinde a Galicia durante sus vacaciones: 'Me voy completamente enamorada ¿Me hacéis un hueco?
- Casi 9.000 gallegos llevan más de dos años sin trabajar pese al récord de empleo: qué hay detrás del paro de larga duración
- De la dirección de la Universidad de Santiago a la gestión del Centro de Supercomputación de Galicia: María Pilar Martínez García será la primera gerente del Cesga
- Hartazgo de los vecinos del casco histórico de Santiago ante la masificación turística: «Hai que pedir permiso para circular pola nosa cidade»
- Más vivienda pública en Santiago: luz verde a un nuevo edificio de 33 pisos a precios asequibles
- Miles de personas agotan en apenas tres horas las existencias de la Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz
- Fly2Galicia pone a la venta vuelos a ocho destinos desde el aeropuerto de Santiago