Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Festa dos Botes que representa a unidade da arzuanía

Música, arte urbana e actividades infantís durante toda a fin de semana

9Louro, Mala Gestión e Familia Caamagno son os principais atractivos musicais

Comisión actual da Festa dos Botes

Comisión actual da Festa dos Botes / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A tradicional Festa dos Botes regresa a Arzúa coa súa XLIII edición, do venres 7 ao domingo 9 de agosto. Esta festividade de orixe pagana é unha das citas máis importantes de toda a comarca, congregando cada ano a centos de arzuás e visitantes para desfrutar dunha fin de semana chea de actividades para todos os públicos.

Esta celebración naceu en 1982, cunha mentalidade revolucionaria (non confundir con radical) e co obxectivo de organizar unha festividade que non estivese relacionada coa Igrexa. Joaquín Saavedra, membro da comisión de festas, explica que "a situación económica no país non era moi boa, todos os recursos eran limitados e, nese momento, decidiron decorar a vila empregando as cousas que había polas casas. Por iso se chamaba a Festa dos Botes: limpaban os botes e colgábanos onde podían para ambientar un pouco e tamén para facer ruído, porque ao final todo aquilo metía bastante barullo".

Asistentes á pasada edición da Festa dos Botes.

Asistentes á pasada edición da Festa dos Botes. / Cedida

Joaquín organiza o evento xunto con oito amigos máis de Arzúa. Son os herdeiros da primeira comisión, encargada de organizar as dúas primeiras edicións da festividade, cinco mozos que nese ano foron quen de recuperar a festa, despois de que fose censurada polo franquismo. Serán, tamén, os encargados de pronunciar o pregón este ano. "Os primeiros anos foron aqueles rapaces que iniciaron a celebración e, xa no terceiro ano, entrou outra comisión que apostou polos grupos de rock e por darlle un carácter máis musical ademais do ambiente festivo. Foi así como a Festa dos Botes acabou converténdose no que foi durante tantos anos", comenta Joaquín.

Música, o principal atractivo

A programación musical será un dos grandes atractivos desta edición da Festa dos Botes. O venres, tras a lectura do pregón e a tradicional procesión dos botes, subirán ao escenario Os Amighos da Túa Prima e Nós o Noso, dúas das actuacións máis agardadas da xornada. A noite completarase coa actuación da Escola Latexo Percusión e coa animación da charanga BB+, que percorrerá as rúas da vila.

O sábado concentrarase boa parte da oferta musical, cun cartel no que se darán cita Festicultores, Familia Caamagno, Banana Joe, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army e Mahía b2b bb.wav, ademais da sesión de Señora DJ ao mediodía. Xa o domingo, a música continuará coa dobre actuación de Pájara Boba, encargada de poñer a banda sonora da última xornada dunha festa que volverá converter Arzúa nun punto de encontro para a cultura e o ambiente festivo.

Cartel das actuacións musicais da Festa dos Botes

Cartel das actuacións musicais da Festa dos Botes / Cedida

Arte urbana

A música non será o único atractivo da Festa dos Botes, xa que apostan por varias iniciativas de arte urbana. "Na vila hai bastante xente á que lle gusta o muralismo e pintar. Decidimos habilitar un espazo para que poidan expresarse", explica Joaquín. Asi mesmo, esta edición danse as condicións ideais para acoller esta exposición de arte de rúa: "Este ano dáse a circunstancia de que na zona da festa hai un espazo en obras. A idea é cubrilo cunha lona para que poidan pintala e transformar unha zona algo fea, con valados e obras, nun lugar con máis cor e máis vida".

Actividades infantís

Desde a organización levan varios anos potenciando as propostas infantís: "Hai moitas persoas que formaron parte da comisión ou que levan a festa moi dentro e queren seguir gozando dela. Deste xeito poden vir coa familia e os nenos tamén teñen actividades para entreterse". Aproveitan a ocasión para introducir alternativas de lecer e xogos tradicionais, como un obradoiro de trompos, co obxectivo de que os "novos e non tan novos" poidan aprender e recuperar este tipo de xogos.

Organizan tamén un obradoiro de pintura de botes: "Normalmente limitabámonos a colgalos e reutilizalos ano tras ano, pero pensamos que, se ademais teñen un compoñente artístico e están decorados, resultarán máis atractivos".

Unión e 'arzuanía'

Música, arte e tradición mestúranse nunha fin de semana que todo arzuano ten marcada no calendario. Joaquín destaca a unión que representa esta festa na que "a pesar de que cada un poida ter as súas ideas ou diferenzas, durante esta fin de semana todos estamos centrados en gozar, pasalo ben".

"Tamén representa ese sentimento que nós chamamos arzúanía, o orgullo de ser de Arzúa. Aínda que sexamos un pobo pequeno e ás veces pareza que hai poucas oportunidades, queremos demostrar que aquí tamén hai futuro". Unha celebración que, máis alá da música e das actividades, busca seguir alimentando esa 'arzúanía' da que falan os seus organizadores: o orgullo de pertencer a esta vila e de manter viva unha das súas tradicións máis emblemáticas.

Tracking Pixel Contents